A Xunta suspende as clases en todos os niveis educativos desde este venres

0

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijoo, compareceu pouco despois das 13.00h. para comunicar as medidas extraordinarias acordadas esta mañá no Consello da Xunta de cara a conter a propagación do coroavirus en Galicia. A principal é a suspensión durante 14 días das clases e das actividades extraescolares en todos os niveis educativos -incluídos estudos universitarios- empezando xa este venres, aínda que o peche efectivo dos centros de ensino se producirá o luns. Tamén se anunciou o peche de todos os centros sociocomunitarios dependentes da Xunta (non centros de día nin residencias), restrínxese aínda máis a celebración de actos públicos e, ademais, tamén se lles proporá aos partidos políticos suspender os actos de precampaña que teñan programados. A comparecencia de Feijoo perante os medios prodúcese a escasas horas de que Xunta e FEGAMP manteñan un encontro para coordinaren a aplicación destas medidas extraordinarias, que estarán supeditadas ás que adopte o Goberno do Estado. Estarán en vigor durante 14 días, aínda que poderían prorrogarse dependendo de como avance a situación sanitaria.

Na rolda de prensa ofrecida tralo remate do Consello da Xunta, debulláronse as medidas preventivas empezando polas que serán de aplicación no ámbito social. Así, o Executivo autonómico decidiu o peche de todos os centros sociomunitarios de maiores a partir deste venres. Non se inclúen na medida os centros de día nin tampouco as residencias aínda que, neste último caso, si se limitarán as visitas aos residentes maiores de 70 anos ou que teñan patoloxías cardíacas ou respiratorias. Tampouco se aceptarán a entrada de persoas con síntomas respiratorios ou febre e limitarase a presenza de residentes en actividades en espazos pechados.

No caso do ámbito do ensino, o DOG publicará a suspensión da actividade lectiva e de actividades extraescolares xa desde este venres, aínda que as familias poderán levar os nenos e nenas á escola coa recomendación de que “se é posible” xa non o fagan. Será o luns cando “por razóns de saúde pública” os centros -desde escolas infantís a universitarios- quedarán pechados, aínda que con profesorado e persoal administrativo.  Suspéndense tamén as prácticas de alumnado relacionado co ensino sanitario.

Tamén se anunciou unha medida xa sabida: a suspensión ou celebración a porta pechada de todas as actividades deportivas, incluídas as municipais. En relación coa concentración de persoas en espazos pechados tamén se incrementan as restricións: limitarase a un tercio do aforo naqueles que teñan unha capacidade superior ás 50 persoas -é dicir, se o lugar ten capacidade para 900 persoas, non podería haber máis de 300-, mentres que en espazos abertos a ocupación máxima non poderá superar as 500 persoas. A Xunta pechará ademais os seus museos, bibliotecas e arquivos e recoméndase que se faga o mesmo naqueles xestionados por calquera entidade pública ou privada.

En canto ao ámbito sanitario tamén hai medidas: como máximo un acompañante por paciente en centros hospitalarios, a suspensión da actividade de visitadores médicos e farmacéuticos, a cancelación do voluntariado en hospitais e, en canto á atención primaria, promoverase que as persoas usuarias utilicen a consulta a través de internet ou a telefónica, mantendo o teléfono informativo 900 400 116 para resolver dúbidas sobre o coroavirus e a atención por medio do 061 para urxencias e casos graves coincidentes cos síntomas da enfermidade.

Por último, o presidente da Xunta en funcións tamén sinalou que se promoverá o teletraballo e a flexibilidade horaria entre o persoal da administración autonómica e adiantou que o PP lles proporá ao resto de partidos acordar a suspensión dos actos de precampaña electoral que, en calquera caso, e na medida en que os partidos acepten ou non a proposta,  deberán axustarse ás medidas preventivas sobre o aforo máximo en espazos pechados.

Reunión Xunta-FEGAMP hoxe ás 18.00h. 
A comparecencia pública deste mediodía adianta os principais contidos que se tratarán hoxe ás 18.00h. na reunión que manterán a Xunta e maila FEGAMP. A ela asistirán o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña,  presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e representantes desta institución -entre eles Secundino García- para afondar na coordinación ante o contaxio de coroavirus e resolver dúbidas. O obxectivo fundamental da reunión, segundo informou onte a Xunta, é trasladar aos concellos toda a información necesaria sobre a situación na comunidade autónoma, así como sobre as medidas que se están impulsando desde o Goberno galego no marco da Comisión interdepartamental constituída a tal efecto.

O Executivo autonómico sinala nun comunicado que, ante unha situación como a actual, “é fundamental a colaboración institucional” e avoga por replicar cos concellos o mesmo nivel de coordinación que, asegura, “mantén a Xunta co Goberno do Estado”.

Secundino García, como membro da Comisión Executiva da FEGAMP, participará esta tarde no encontro entre a federación municipal e a Xunta do que agarda “saian unha serie de medidas ordeadas e coordinadas que sirvan de guía de actuación para todos os concellos”, ademais de lamentar que a noticia sobre a suspensión das clases nos centros educativos galegos a partir deste venres “se soubese antes por La Voz de Galicia que por fontes oficiais”.

Tal e como sinalou o alcalde “estamos nun momento que esixe un traballo conxunto e sen fisuras de todas as institucións, tanto as que teñen competencia en materia de saúde pública, como son a Xunta e o Estado, como os municipios como administracións máis próximas á xente”. García engade que, ao seu xuízo, as prioridades principais que se deben abordar son “a aplicación efectiva dos protocolos de contención deseñados por profesionais da medicina e da sanidade para reducir ao mínimo os contaxios e, por outro lado, conseguir que a veciñanza os asuma con normalidade, sen alarmismos infundados e sempre contando con información puntual e rigorosa publicada por cauces oficiais, non a través de filtracións que poden enrarecer aínda máis un clima xa de por si complicado”.

O alcalde engade a este respecto que nas últimas semanas “houbo moita sobreinformación e tamén desinformación que pode dificultar a xestión da crise, por iso é tan importante que todas as administracións teñamos un criterio unificado e que o levemos á práctica cada unha dentro das nosas posibilidades e ámbito competencial”.

Aínda que Galicia é unha das zonas do Estado con menos casos de coronavirus -35 segundo a última información oficial, e 28 pendentes de confirmación-, hai varias medidas de contención en marcha que hoxe mesmo se viron incrementadas e que serán recollidas de maneira máis detallada no Diario Oficial de Galicia de mañá venres.

Así, desde o SERGAS recoméndase usar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconséllase empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves coincidentes cos do coronavirus: febre, tose e dificultade para respirar.

O servizo público de saúde insiste nas precaucións que se veñen repetindo nas últimas semanas: extremar a hixiene das mans lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse; cubrir o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

En canto á organización de eventos públicos e outras actividades, as medidas preventivas adoptadas hoxe, recordamos, limitan o aforo a un tercio da capacidade daqueles recintos que poidan acoller a máis de 50 persoas e a 500 se se trata de espazos abertos. Ademais, o Consello Superior de Deportes tamén lle trasladou a todos os equipos federados a necesidade de que os encontros -tanto profesionais como amadores- se desenvolvan a porta pechada, como ocorrerá este sábado no pavillón municipal co encontro de volei entre o Aldebarán e o Arona Paradise Park de Tenerife.

Outros eventos programados
En canto a outras citas que veñen aí, como por exemplo a Feira da Plantación, ou incluso programas que están en marcha -escolas municipais, obradoiros de memoria, actos do 8-M, etc.- Secundino García coincide co que xa adiantou onte o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, na liña de “seguir escrupulosamente o que digan as autoridades sanitarias e estar ao que manden a Xunta e mailo Estado”.

En principio as medidas anunciadas pola Xunta manteranse durante 14 días, con posibilidade de que se prorroguen durante máis tempo se a situación así o require, tal e como informou Núñez Feijoo na comparecencia pública deste mediodía. Por esta razón, antes de anunciar calquera suspensión “que é unha posibilidade que cada vez cobra máis peso”, o rexedor prefire agardar ao resultado do encontro que se vai manter esta tarde en Santiago entre Xunta e FEGAMP e tamén ás  novas medidas que se poidan adoptar nos próximos días para conter o virus.

Páxina oficial do SERGAS sobre o coroavirus Covid-19

 

Share.