A rapazada da comarca pide pediatras a través dun vídeo nas redes

0

Dentro duns días farase un ano xusto da suspensión do servizo itinterante e especializado de Pediatría nos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas.  Unha situación que tamén se vive en Fene, na Capela, en Ares e en Mugargos e que motivou durante este tempo a convocatoria de numerosas mobilizacións e accións de protesta. A última é un vídeo que xa circula polas redes protagonizado por nenas e nenos destes concellos lanzando unha mensaxe clara e directa: “Queremos pediatra!”.

Ata primeiros de xaneiro de 2019, San Sadurniño e os municipios do seu entorno inmediato compartían especialista no noso Centro de Saúde, que se desprazaba durante tres días da semana aos outros consultorios para atender máis de preto ás familias.

A obtención de praza fixa noutro destino da pediatra levou ao SERGAS a cubrir o posto con tres médicos distintos non especializados e, aínda por riba, centralizando o servizo en San Sadurniño. A Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol indicaba de aquela que a decisión se debía á falla de pediatras e que, en calquera caso, se trataba dunha medida transitoria “polo menos durante dous meses” adoptada co compromiso de dotar o centro médico de San Sadurniño dun ou dunha especialista “tan pronto como sexa posible”.

Desde o primeiro momento houbo unha grande contestación social ante o que se considerou unha falla de previsión da Xunta de Galicia na cobertura de prazas. As alcaldías de San Sadurniño, Moeche e Cerdido reuníronse coa Xerencia comarcal do SERGAS na busca dunha solución, as familias mobilizáronse para recoller sinaturas, acudiuse a manifestacións e mesmo houbo plenos monográficos nos tres concellos que estiveron marcados pola polémica marcha da representación do PP antes sequera de debater as mocións que se ían tratar reclamando o restablecemento do servizo.

Vai aló case un ano e seguimos na mesma, co servizo centralizado aquí e con profesionais da medicina que van rotando procedentes doutros servizos da área sanitaria. De todos eles só un é especialista.

Porén, os consistorios, e sobre todo as familias, manteñen viva a reivindicación compartindo informacións nas redes sociais sobre as medidas de presión nas que participan e tamén aqueloutras que axuden a entender cal é a situación da atención infantil no contexto da sanidade galega. Informacións que, en vez de tranquilizar, son aínda máis desalentadoras.

Unha das que máis difusión tivo foi a do peche do paritorio de Verín e, a raíz dela, o recordatorio da lentitude coa que o SERGAS se está aprovisionando de pediatras para cubrir vacantes e xubilacións. De feito, segundo publicaba hai uns días o Diario do Támega, a única oferta de emprego público xa rematada é a do 2016, que resultou na incorporación ao sistema sanitario galego de tan só 9 especialistas dun total de 121 aspirantes. Desde a convocatoria até a cobertura efectiva dos postos pasaron case tres anos. A Xunta anunciou 27 prazas na oferta pública de 2018 e 6 máis na de 2019. Os procedementos selectivos aínda non comezaron e, cando o fagan, todo apunta a que haberá que agardar entre dous anos  e medio e tres anos a que as prazas estean cubertas.

Nesta situación, as familias continúan protestando de todas as maneiras posibles. A última que fixeron pública foi un vídeo protagonizado por nenas e nenos dos municipios de San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas, A Capela, Fene, Ares e Mugardos. A peza -producida por Feitizo Video a partir dunha idea do grupo de lactancia do Centro de Saúde de Fene- denuncia a “precariedade” nos servizos de pediatría e é a rapazada quen lanza reiteradamente sinxelas pero contundentes mensaxes que resumen as súas demandas: “queremos pediatra”, “queremos coñecer á nosa pediatra, ao noso pediatra” e, principalmente, “queremos pediatra todos os días e que nos atenda sempre a mesma persoa, porque non é só unha cuestión de cantidade, senón tamén de calidade”.

O vídeo remata asegurando que “3.100 nenas e nenos se ven afectados por esta problemática” só nos concellos de Fene, A Capela, Ares, Mugardos, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas, e insiste en que a cativería do rural “tamén ten dereito a unha pediatría pública de calidade” xa que, segundo din as propias nenas e nenos, “coa nosa saúde non se xoga”.

 

Share.