A Feira da Plantación quedará na Cortiña

0

O Concello acaba de pechar unha Feira da Plantación, a número 25, cuxo resultado se pode resumir con dúas ideas: moio, moitísimo público e, con carácter xeral, boas, boísimas vendas durante practicamente toda a xornada. Segundo a área de Desenvolvemento local, a cita superou as mellores expectativas a pesar da incerteza do tempo e dun cambio de emprazamento que se fixo con idea de sacar a feira do centro urbano para facilitar a loxística da súa organización e darlle o sitio para medrar que pedía desde hai anos. O Concello arriscou e, segundo expositores e público, acertou cunha mudanza que xa vai ser definitiva.

“Está á vista. Creo que foi un acerto enorme. Falas coa xente e coméntanche que foi acertado en todos os sentidos”, comentaba cara ao mediodía o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela. O edil atribuiulle boa parte do éxito ao cambio de lugar, aínda que tamén recoñeceu que había certas “ganas de feira” entre o público tras dous anos sen se celebrar. “Está claro que dous anos pechados, a feira notouno. O que se ve é que é unha feira absolutamente consolidada e creo que o cambio de emprazamento vai contribuír a darlle un novo pulo”.

O Concello non dá cifras sobre número de visitantes e sempre recorre ao número de plantas entregadas de balde -por cortesía de Vivergal- para ter un indicador de se houbo máis ou menos xente que outros anos. En total distribuíronse cerca de 15.000 pés variados en bolsiñas con catro exemplares cada unha. É dicir, 3.750 bolsas de planta entregadas, e iso que houbo moita xente -quizais a maior parte das e dos  visitantes- que non parou recoller o agasallo.

Porén, unha feira organizada para promover o comercio de flor e planta, tamén require que se valore se lles resultou de proveito aos expositores.  Varela xa comentaba no ecuador, preto das 14:00h, que o evento tamén estaba marchando ben nese aspecto. “Ves bolsas por todos os lados, sexa planta de horta, planta ornamental. É unha feira na que se vende”.

Da mesma opinión eran tamén algúns dos fixos que levan anos acudindo. José Luís Sanjurjo, con queixos e planta para morteiros traída de Bardaos, dicía que os seus produtos estrela foran o tomate, o pemento e o cebolo e que durante a mañá estiveran “funcionando bastante ben”. Sanjurjo viu “positivo” o cambio de sitio, aínda que tamén apuntou que “a xente tiña gana de saír da casa” para explicar o movemento constante de público durante todo o día.

A mudanza para a Cortiña significou tamén un cambio de modelo na Feira da Plantación. En vez de concentrar toda a oferta de viveiros baixo unha mesma carpa -como ocorreu até 2019-, nesta ocasión optouse por aproximar a súa distribución á da Feira Rural de finais de agosto.

Entrando no recinto, despois de pasar os postos de churros, rosquillas e maquinaria, o primeiro que se atopaban eran os viveiros de flor, planta ornamental e aromática e árbores. Logo, seguindo o sendeiro principal sucedíanse as plantas para horta, as flores de Floristería La Feria -que se encargou dos centros florais sorteados ao mediodía e á tardiña- e, xa cara ao fondo do arboreto, os postos de alimentación e artesanía. Tamén preto da entrada estaban situados os postos dos obradoiros para a rapazada, ofrecidos por Campo Capela, a Casa do Mel e dous artesáns de Naraío que lles ensinaron ás nenas e nenos a fiar a lá.

“A xente está camiñando, hai máis espazo… estamos gratamente sorprendidos do resultado que deu o cambio de emprazamento”, dicía Leandro Campanini, de Viveros Florgalicia e Herbas de Caaveiro. Ao carón del, José Horjales, de La Casa de la Planta, destacou “a boa resposta da xente” mercando “flor, planta verde, froiteiras”.

Ao movemento tamén axudou a animación das pandereteiras PanSenFron, que actuaron durante a xornada chamando a atención do público desde distintos puntos da finca da Cortiña, confirmada xa como o espazo de referencia para todos os grandes eventos municipais. Incluída a Feira da Plantación.

 

Share.