A comisión de festas de Igrexafeita anda xa cos preparativos das citas deste 2024. Serán dúas, o Biscordel de mediados de setembro e a máis próxima no calendario, o San Marcos que se celebrará ao pé da capela de Amido o sábado 27 de abril. Para este día hai programado un xantar popular que ten aberto o prazo de reservas a través dos teléfonos 679 925 075, 717 708 937, 696 912 975, 608 388 248 ou 981 490 302.
O cartel do San Marcos circula desde hai varios días polas redes sociais informando de que ás 13:00h haberá misa na honra do santo seguida dunha sesión pirotécnica e de sesión vermú animada polos Berros do Castro e un grupo aínda por contratar, aínda que seguramente saibamos cal é uns días antes da celebración.
Tralo primeiro pase musical, a iso das 15:00 ou 15:30h, empezará a servirse o xantar. O menú estará composto por fabada, codillo,postre, café e un licor ao prezo de 30€ as persoas adultas e 15€ a rapazada con idades entre 7 e 12 anos (por debaixo desa idade, gratis). A continuación, ben pasada a sobremesa cos habituais sorteos, volverá a música ata que o corpo aguante.
A comisión de festas busca dous obxectivos reeditando o San Marcos. Dunha banda, recadar fondos para organizar a patroa no mes de setembro e, da outra, recuperar unha festa que se celebrou por última vez en 2016 e que antes dese ano levaba dúas décadas sen facerse.
Para quen nunca estivese alí cómpre sinalar que Amido se encontra no leste de San Sadurniño, xusto no límite natural que o río Xubia marca coas Somozas. Non hai datos contrastados sobre a antigüidade da capela e, segundo parece, a edificación podería datar do século VII e mesmo é posible que para a súa construción se aproveitasen materiais procedentes de vestixios anteriores. Iso explicaría, por exemplo, que nunha das súas aristas laterais e a ras do chan se poida ver unha prominente cabeza dun animal, posiblemente un león vinculado na tradición cristiá coa figura do evanxelista San Marcos.
O Concello financiou a reparación da cuberta da capela en 2018, despois de subscribir un convenio co bispado de Mondoñedo-Ferrol mediante o cal o consistorio se converteu en titular dos terreos do campo da festa da Torre.