A boa comunicación familiar, clave para detectar e previr o acoso infantil

0

Interesantísima charla na Escola de Familias de hoxe. Máis que charla, un obradoiro ben entretido e construtivo no que aprendemos a recoñecer o acoso infantil do lado de quen o sofre pero tamén de quen o exerce. A psicóloga Pilar Carballeira e a educadora Laura Balado faláronnos dos distintos tipos de bullying, as posibles razóns de que se produza e tamén as súas consecuencias, que en moitos casos se ven amplificadas por un mal uso das tecnoloxías e das redes sociais.

As expertas incidiron na importancia de que a educación se sosteña nunha boa comunicación e nun ambiente de confianza no seo da familia. Dous aspectos fundamentais para que a rapazada nunca sexa partícipe do acoso -nin tampouco cómplice- e para detectar o antes posible se a nosa filla ou fillo está sendo vítima do bullying.

Segundo a ONG Internacional Bullying Sen Fronteiras, España é o terceiro país do mundo con máis casos detectados no curso 2022/23. A organización alerta, ademais, de que 7 de cada 10 menores de idade sofren todos os días algún de tipo de acoso.

Trala sesión desta tarde, a Escola de Familias fará unha pausa até o 24 de abril, día no que ofrecerá a sesión “Normas e límites na familia”, dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos. O último obradoiro do ciclo será o 29 de maio, centrado na prevención e detección de condutas aditivas, tamén para persoas que teñan fillas e fillos preadolescentes ou adolescentes.

Malia que aínda faltan varias semanas para calquera desas dúas citas -que terán lugar en ambos casos na Casa da Cultura a partir das 17:00h-, podedes ir anotándovos xa a través do teléfono 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.

Share.