2.490 persoas figuran no censo electoral dos comicios deste domingo

0

Segundas Eleccións Xerais en pouco máis de medio ano. A falla de acordo entre os partidos que obtiveron representación o pasado 28 de abril forzou unha nova convocatoria electoral fixada para este domingo á que San Sadurniño lle achega un total de 2.490 posibles votantes. Algúns menos na realidade se temos en conta que nas últimas semanas se produciron algunhas defuncións no municipio e incluso aínda que esas persoas votasen por correo en tempo e forma, o seu voto sería nulo. Quen se encontre nese caso -no de votar por correo, non no de ter pasado a mellor vida- debe lembrar que hoxe venres ás 14.00h. acaba o tempo para entregar en Correos a documentación, que debeu terse solicitado antes do 31 de outubro.

A cuestión de se unha persoa vota por correo e falece antes do día das eleccións non deixa de ser unha curiosidade no medio do maremagnum da normativa electoral e da inxente cantidade de acordos que leva adoptado durante anos a Xunta Electoral Central para aclarar dúbidas e darlle seguridade legal a excepcionalidades que non aparecen na  Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral. Porén, ese caso podería darse -non estamos dicindo que se vaia dar este domingo- e a XEC ten doutrina ao respecto indicando que “o dereito ao sufraxio activo debe ostentarse o día da elección” e, polo tanto, ese hipotético voto non debería entrar na urna. Porén, o que non se aclara moito é quen lles debe comunicar ás persoas que están na mesa a existencia dun sufraxio tramitado correctamente por un ou unha votante que faleceu despois de facelo.

Deixando a un lado esta cuestión que, insistimos, non deixa de ser unha curiosidade, o asunto prioritario para hoxe é que aquelas persoas que solicitasen o voto por correo e xa teñan no seu poder a documentación necesaria -o último día para solicitala foi o 31 de outubro- deberán acudir á oficina técnica que teñan máis próxima -Valdoviño, Narón, Ferrol…- para tramitar o seu dereito a votar por correspondencia. O prazo remata ás 14.00h.

Sobra dicir que quen vote por correo despois non poderá votar persoalmente en urna, nin tampouco pedirlle á mesa que anule o seu voto postal para poder facelo. Tamén hai que ter en conta que se se solicitou a documentación e esta non se recibe ou non se tramita despois por calquera motivo, tampouco se pode votar en urna, co que se daría o caso de que esa persoa quedaría sen exercer o seu dereito.

Para o resto, todas e todos os que vaian votar coma sempre -en persoa- han de saber que poden facelo presentando o DNI, o carné de conducir ou o pasaporte, aínda que estean caducados. Eses son os únicos documentos válidos para acreditar a identidade.

As mesas constituiranse pouco despois das 8 da mañá do domingo e abriranse ás votacións entre as 9 e as 20.00h., momento no que xa só poderán exercer o seu dereito as persoas que nese momento se encontren dentro do colexio electoral.

En San Sadurniño hai sete centros de votación nos que, segundo o último censo, poderán exercer o seu dereito ao voto un total de 2.490 persoas. Son a mesa do CPI, cun censo de 734 persoas; a de Naraío, onde o electorado chega a 421 persoas; Lamas, que se sitúa en 391 posibles votantes; Santa Mariña, que conta con 274; Ferreira, con 238; Bardaos, onde xuntan un censo de 225 persoas e, por último, Igrexafeita, onde a relación de votantes potenciais é de 207 persoas recollendo nela lugares próximos de Ferreira e tamén de Naraío.

Share.