Xa se poden solicitar espazos no novo Centro Municipal de Empresas

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou o xoves 3 de novembro a ordenanza fiscal e mailo regulamento dos usos do novo Centro Municipal de Empresas, situado ao carón da Casa do Concello. Así, desde hoxe mesmo as empresas e profesionais que queiran asentarse no edificio poden empezar a presentar as súas solicitudes. O prazo de dous meses finaliza o 4 de xaneiro de 2017 e, ao seu remate, o Concello avaliará os proxectos presentados para facer a asignación dos espazos. Porén, ademais de acoller novas iniciativas, as instalacións tamén ofrecen a posibilidade de domiciliar empresas ou outro tipo de entidades sen necesidade de ocupar espazo físico. As instalacións dispoñen de 13 locais para oficinas e dependencias comúns que se poñen a disposición do emprendemento local ou daquelas empresas e profesionais por conta propia que precisen un espazo asequible no que desenvolver as súas actividades por un prezo mensual de 5,83 euros por m².

O edificio -con 250 m² de espazo útil- posúe 13 locais con distintas medidas, que van desde os 8,50m² das cinco oficinas máis pequenas aos case 30m² da máis grande, situada fronte ao aparcadoiro e que, polo momento, o Concello reservará para usos propios. Nese abano de medidas tamén se porán á disposición das empresas outras sete, que van dos arredor de 11 metros cadrados ata preto de 22. Co obxectivo de que as persoas interesadas en reservar un espazo poidan coñecer as instalacións, o departamento de Desenvolvemento local está facendo visitas guiadas polo edificio que se poden concertar previa cita contactando con este departamento a través do 981 490 027.

Segundo os prezos reflectidos na ordenanza xa en vigor -5,83€/m²-, as oficinas máis pequenas terán un prezo inferior aos 50 euros mensuais e as dun tamaño medio andarán en arredor de 90 euros, incluíndo na taxa e en todos os casos o asesoramento técnico en materia de axudas e subvencións, a calefacción, a xestión de residuos, a limpeza, o acceso a internet de banda larga, a electricidade, as caixas de correo e a utilización de espazos compartidos como a sala de xuntanzas.

Porén, o Centro Municipal de Empresas tamén lle ofrece servizos a empresas e entidades sen fins de lucro sen necesidade de ocupar  oficina. Neste sentido, a normativa contempla o uso das instalacións como domicilio social -incluída unha caixa de correo- por 20 euros anuais.

De acordo co regulamento o obxectivo do centro é apoiar o emprendemento e a xeración de emprego local, ben con iniciativas xurdidas en San Sadurniño ou con outras que se queiran asentar aquí, propiciando ademais que o recinto actúe como potenciador de sinerxias e relacións entre as empresas que o ocupen. A este respecto tamén se prevé colaborar coa xente moza que queira desenvolver un proxecto empresarial. Para iso ofértanselle durante seis meses e sen custe tanto un espazo no centro como o resto dos servizos, ademais de mobiliario e un ordenador.

Para optar a ocupar unha oficina deberán presentarse, entre outros documentos, unha solicitude, a identificación da persoa física ou xurídica solicitante e o plan de empresa que se quere levar adiante e que debe axustarse ás posibilidades físicas das instalacións.

A partir de aí será unha comisión formada por persoal técnico municipal quen avalíe as propostas en base a un cadro que, tamén entre outras cuestións, puntuará o grao de viabilidade económica-financeira, os postos de emprego creados, o nivel de innovación en canto á proposta de servizos avanzados ou que non se estean prestando no territorio nestes momentos, que se trate de iniciativas promovidas por persoas incluídas nalgún colectivo de inserción preferente ou que se opte por unha fórmula cooperativa.

A distribución de locais farase segundo a puntuación obtida e as preferencias sinaladas na petición (de aí a importancia de visitar antes o centro). O periodo de acceso ás instalacións será por 2 anos, prorrogables automaticamente de ano en ano salvo renuncia dunha das partes.

O prazo de solicitude de espazos remata en dous meses, contados a partir da data de publicación da ordenanza fiscal e do regulamento de usos das instalacións.

Documentación descargable:
Regulamento de usos e de asignación de espazos
Ordenanza reguladora dos usos e taxas do Centro Municipal de Empresas
Solicitude de espazos (.doc) (.pdf)
Solicitude para domiciliar a sede sen ocupación de espazo (.doc) (.pdf)
Solicitude de uso puntual das instalacións (.doc) (.pdf)

Galería fotográfica das instalacións:

Exterior do Centro de Empresas
Exterior do Centro de Empresas
« 1 de 5 »
Share.