San Sadurniño participa en Santiago no Foro da Cooperación Municipalista organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

0

Representantes de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe participarán hoxe e máis mañá en Santiago no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. O encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. San Sadurniño, como membro do Fondo e concello que asumiu a vicepresidencia do seu Consello asistirá ás xornadas e, ademais, tamén participará esta tarde nunha mesa redonda sobre a aplicación de políticas de desenvolvemento sostible.

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abriu ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, e coa inauguración oficial, na que participa a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA). O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países. Representantes de concellos galegos como San Sadurniño e As Pontes estarán na mesa de boas prácticas a partir das 15.30 horas.

A segunda xornada do encontro que se desenvolverá mañá mércores dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega.

Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal.

O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS e coa declaración ‘Solidariedade alén da lingua’.

Programa do Foro da cooperación municipalista da Lusofonía (COMPLETO) 1.2 MB
Programa do Foro da cooperación municipalista da Lusofonía (Día 12) 946.4 KB
Programa do Foro da cooperación municipalista da Lusofonía (Día 13) 700.94 KB
Share.