San Sadurniño comparte na Coruña a experiencia do Orzamento participativo

0

O IV Encontro Ibérico de Democracia e Orzamentos Participativos ten como obxectivo ser un espazo de intercambio e reflexión sobre as diversas experiencias de orzamentos participativos que están a se levar a cabo en toda a península e marcar unha axenda común para seguir profundando na democracia participativa. O responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, asistiu este xoves a unha das mesas deste encontro para expoñer o caso de San Sadurniño, o Concello máis veterano de Galicia na implantación dun orzamento participativo e un dos que atesoura máis coñecemento na súa aplicación práctica en entornos rurais.

O congreso internacional impulsado polo Concello da Coruña funciona mediante foros de traballo e talleres, que permitirán pór en común as diversas experiencias que se levan a cabo en diferentes territorios Iberoamericanos. Nas  mesas de traballo reflexiónase sobre a diversidade da participación e a súa accesibilidade, poñendo especial atención en colectivos como a infancia, a mocidade ou as persoas que non teñen autonomía dixital. Ademais, no encontro tamén se mostran outras fórmulas de democracia participativa que están a se destacar polo seu carácter innovador.

Ademais do formato mesa, que se desenvove como unha conversa entre as diferentes experiencias, o encontro inclúe talleres simultáneos que buscan unha participación activa de todas as persoas inscritas para buscar solucións a algúns dos retos destes procesos: a inclusión, a diversidade e a igualdade de xénero nos orzamentos participativos; a articulación dos diferentes roles dentro dun proceso de orzamentos participativos e os mecanismos para unha mellor transferencia entre os estudos e as prácticas.

San Sadurniño estivo presente como territorio convidado na mesa sobre experiencias en orzamentos participativos. O responsable municipal deste programa, Manolo Varela, compartiu conversa diante do público con Fernando Nogueira -rexedor da poboación portuguesa de Vila Nova de Cerveira- e con Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

Entre as cuestións que comentou Varela estivo a da traxectoria dos orzamentos participativos en San Sadurniño que este ano farán os 10 anos. “Somos o concello galego que máis tempo leva implicando a veciñanza no deseño dos seus orzamentos. Neste tempo foi necesario irse adaptando á realidade desde dous puntos de vista. Por un lado nos propios mecanismos de participación, que foron cambiando para facelos máis efectivos, e por outro no tipo de propostas que fai a xente, que non son as de hai unha década”, explicou o concelleiro.

A este respecto, Manolo Varela lembra que nos inicios do orzamento participativo as asembleas parroquiais “só podían decidir o destino de 100.000 euros”, un condicionante que “encorsetaba demasiado” a posibilidade de achegar ideas sobre investimentos e outras necesidades do territorio. Hoxe non hai tope, senón que se tira pola colleita de propostas “que despois son priorizadas pola representación veciñal na Mesa do Orzamento en base a dous criterios: que sexan necesarias ou beneficiosas para o maior número de persoas e que sexan asumibles polo Concello, ben con recursos propios ou ben con axuda doutras administracións”.

A evolución que se produciu durante dez anos foi notable neste sentido: “empezamos co orzamento participativo en 2008 e, daquela, cando aínda non se sabía da crise que viría despois, xurdían nas reunións ideas de obras e infraestruturas dificilmente realizables por un Concello coma o noso e, obxectivamente, quizais innecesarias ou desproporcionadas. Despois, durante os tempos máis duros da crise económica, as propostas foron indo máis ao práctico e con posibilidades reais de execución -melloras na rede viaria, iluminación, acondicionamento de espazos públicos, etc.-. Unha das cousas máis importantes que aprendemos, e así o dixemos no encontro da Coruña, é que a aplicación dun orzamento participativo é algo que e debe adaptarse ás circunstancias, estar en constante evolución e cambio para axeitarse ás necesidades da veciñanza e do territorio. Por iso é fundamental que o proceso sexa asembleario, algo que lles chama moito a atención a representantes doutras zonas, maiormente vilas e cidades, que tamén están poñendo en marcha ou teñen xa en funcionamento o seu propio modelo de orzamento participativo”, argumentou Manolo Varela.

 

Share.