Renfe formulará a principios de ano unha proposta de novos horarios para os trens de cercanías

0
O Concello de Moeche acolleu esta mañá a segunda reunión da comsión técnica de traballo formada polos municipios do norte, Renfe e a Xunta co obxectivo de mellorar os servizos ferroviarios de cercanías. O encontro saldouse co compromiso da empresa de achegar despois do Nadal unha proposta de reestruturación dos horarios que contemple as peticións dos concellos e da Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo. Renfe tamén informou na xuntanza da próxima instalación de sistemas de control do pagamento no eixo Ferrol-Ortigueira e da licitación do contrato para a reparación integral de 6 máquinas que cobren o traxecto ata Ribadeo. Desde os municipios destácase que “algo se está movendo” pero que, porén, os “pequenos avances” conseguidos ata o momento non son suficientes. Neste sentido, os concellos volven demandar maior implicación da Xunta e do Estado no desenvolvemento dun programa “con financiamento enriba da mesa” que permita dispor dun transporte público de proximidade axeitado ás necesidades dos usuarios e usuarias. 

Na xuntanza desta mañá participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, o concelleiro de Transportes de Viveiro, Jesús Fernández, e a xerente de Urbanismo do Concello de Ferrol, Ana Marquina. Por parte de Renfe asistiu o responsable da área de viaxeiros e ancho métrico da zona de Asturias e Cantabria, Javier Villoria, e o xerente de servizo público en Galicia, Enrique Fonte. Por último, a Xunta enviou á técnica Silvia Pérez en representación da Consellería de Infraestruturas.

Un dos primeiros asuntos que se abordaron foi o da revisión dos horarios dos trens. Os concellos propoñen que os dous servizos de primeira hora da mañá con destino a Ferrol e saída desde San Sadurniño e Cerdido pasen a facer o traxecto partindo de Ortigueira e chegando á estación ferrolá ás 7.18h. e ás 8.12h. Este cambio no alcance e nos horarios permitiría “adaptar o servizo ás necesidades do estudantado dos institutos, do de FP e do que vai á universidade. Os universitarios incluso terían marxe suficiente para facer o transbordo ao autobús que une Ferrol co campus coruñés”, explicou Beatriz Bascoy.

Pensando no alumnado, desde os municipios tamén se solicitou a creación dun novo servizo Ferrol-Ortigueira que saia entre as 14.30 e as 14.45h.en substitución do actual, que arranca ás 14.10h. e finaliza o seu traxecto en San Sadurniño. No referido á área de Ferrolterra e o Ortegal pídese tamén que a liña Ferrol-Cerdido das 20.00h. retrase a saída para as 20.10 ou 20.20h. e que amplíe o percorrido até Ortigueira, ademais de que se estuden as frecuencias do traxecto Ferrol-Xubia-Ferrol.

Con respecto ás liñas da Mariña luguesa a demanda céntrase en poñer en marcha un novo servizo Viveiro-Ribadeo que parta ás 7.00h. e que chegue ao seu destino sobre as 8.13h. para, inmediatamente despois -a iso das 8.30h.-, desfacer o camiño para estar de volta en Viveiro ás 9.40h.

Os representantes de Renfe adquiriron o compromiso de revisar a proposta e ver o seu encaixe cos horarios actuais das liñas de longo percorrido. A modificación resultante seralles presentada de novo aos concellos xunto co informe estatístico sobre o número real de pasaxeiros que a empresa está ultimando. A portavoz dos municipios, Beatriz Bascoy, sinalou que aínda no caso de que haxa acordo, a revisión dos horarios “deberá ser ratificada por Renfe a nivel estatal e, ademais, tamén polo Ministerio de Fomento se fose necesario algún investimento para poñelos en práctica”.

A rexedora de Moeche tamén expresou as reservas  dos consistorios con respecto aos posibles resultados estatísticos sobre o nivel de ocupación dos trens: “esiximos que esa información sirva para adaptar o servizo ás necesidades reais da veciñanza e non como unha escusa para suprimir frecuencias. Estanse producindo constantes problemas técnicos, retrasos e interrupcións por fallos nas máquinas e nas vías ou por falta de persoal. Se a xente non usa o servizo é por causa das súas deficiencias, non porque  queiran prescindir del”.

A cuestión do mantemento da infraestrutura foi outro dos grandes asuntos tratados nunha xuntanza que se prolongou case tres horas. Renfe asegurou que proximamente se instalará un novo sistema de control do pagamento na liña Ferrol-Ortigueira e que se incrementarán as máquinas expendedoras de billetes.

Os representantes da empresa tamén informaron da recente licitación do contrato de reparación integral de 6 máquinas e do reforzo con máis persoal dos talleres situados na estación de Ferrol “para que os trens non teñan que ser trasladados á Coruña para facerlles calquera amaño”, tal e como explicou Beatriz Bascoy á saída da reunión na que, segundo puntualizou, “botamos en falta a presenza dalgunha persoa en representación de Adif, como entidade encargada do mantemento”. “A posta a punto da maquinaria é urxentísima porque se non hai trens de nada serven todos os horarios que propoñamos”.

Desde os municipios valórase  este segundo  encontro de traballo como “positivo e produtivo” e engádese que grazas á acción municipal e cidadá  “algo se está movendo, xa que vemos como se producen pouco a pouco pequenos avances que para nós non son suficientes”. Beatriz Bascoy asegurou que a postura dos concellos  con respecto ao transporte ferroviario de proximidadese se mantén firme: “ten que haber un compromiso político por parte da Xunta e do Estado para potenciar o desenvolvemento do tren. Acabamos de saber que Fomento vai investir 530 millóns de euros nas cercanías de Cantabria e que en cuestión de días se anunciará un proxecto millonario para as de Asturias. Namentres, para Galicia non se poñen os cartos enriba da mesa”.´

Bascoy denuncia a “pasividade” da Xunta de Galicia para reclamar investimentos no tren. “Os orzamentos estatais non reflicten ningunha contía para o noso transporte ferroviairo e desde a Comisión Europea chégannos informacións de que ninguén, nin a Xunta nin o goberno do Estado, lles solicitou fondos para esta finalidade malia existir partidas importantes. O tren de cercanías é un servizo estratéxico e con futuro, agora só falta que o goberno galego faga valer o seu peso político en Madrid, se é que o ten”.

Share.