Proceso selectivo para a lista de substitucións na praza de Traballo Social

0

Publicadas no BOP do 26/12/2018 as bases  e maila convocatoria do proceso selectivo para elaborar unha lista de persoal funcionairo interino para posibles nomeamentos por substitución da titular da praza de traballadora social. As persoas que desexen participar no proceso poderán presentar a solicitude e a documentación esixida nas bases ata o 15/01/2019. As características son as seguintes: Grupo A, Subgrupo A2, Escala de administración especial, Subescala técnica

Documentación publicada (irase actualizando ao longo do proceso)

BASES PARA ELABORAR UNHA LISTA PARA A SELECCIÓN DE PERSOAL FUNCIONARIO INTERINO PARA POSIBLES NOMEAMENTOS POR SUBSTITUCIÓN DA TITULAR DA PRAZA DE TRABALLADORA SOCIAL (A2).

O obxecto deste proceso selectivo é a elaboración dunha lista de persoal para posíbeis substitucións na praza de Traballadora Social.

1. Obxecto da convocatoria.
O obxecto desta convocatoria é a creación dunha lista de aspirantes a traballador/a social para, segundo o caso, ser nomeado/a como funcionario/a interino/a dunha praza do grupo: A; subgrupo: A2; escala: administración especial; subescala: técnica.

O nomeamento ou a contratación solo poderán levarse a cabo cando sexa posible a súa cobertura de conformidade cos requisitos esixidos pola normativa aplicable e previa acreditación no expediente da existencia de crédito adecuado e suficiente para esta finalidade.

2. Tipo e duración da provisión.
Ó remate do proceso selectivo aprobarase unha lista de aspirantes a traballador/a social para, segundo o caso, o seu nomeamento ou contratación, cando queden acreditados no expediente os requisitos esixidos pola normativa aplicable.

A listaxe de aspirantes creada terá vixencia ata o 31 de decembro de 2020. Non obstante, a dita lista quedará anulada automaticamente se antes da finalización da súa vixencia se convoca un novo proceso selectivo e se aproba unha nova lista de aspirantes.

3. Requisitos das persoas aspirantes.
3.1. Para ser admitidas ao proceso selectivo as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a. Ter a nacionalidade española, sen prexuízo de ter calquera outra nacionalidade que lle permita ó acceso ao emprego público de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei 2/2015 do emprego público de Galicia.

b. Posuír capacidade funcional para o desempeño das tarefas do posto.

c. Ter feitos os dezaseis anos e non exceder, no seu caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

d. Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada. No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

e. Estar en posesión do título de Grao ou diplomatura en Traballo Social ou equivalente.

3.2. Todos os requisitos establecidos na base 3.1. deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, manterse durante todo o proceso de selección e acreditar o seu cumprimento como requisito previo imprescindíbel para poder ser nomeado, no seu caso, funcionario interino.

4. Solicitudes e prazo de presentación.
4.1. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán achegar a súa solicitude debidamente cuberta durante o prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP no modelo oficial que figura ao final destas bases e que tamén se facilitará por este Concello no Rexistro Xeral ou na paxina web municipal.

4.2. As solicitudes dirixiranse á Alcaldía deste Concello e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera das formas establecidas no artigo 16 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.3. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

· Copia simple do DNI , pasaporte ou documento de identificación

· Copia simple do documento que acredite a titulación universitaria requirida como requisito para acceder ó proceso selectivo

· De ser o caso, copia simple do certificado que acredite ter obtido o Celga 4 ou equivalente, co que quedarán exentos do exame de galego.

· Xustificante de pagamento de dereito a exame de acordo coa ordenanza fiscal reguladora que ascende para prazas do grupo A2 á cantidade de 26,18 euros, e que deberá ingresarse no seguinte número de conta do Concello ES74-2080-0208-0131-1000-0059.

· Documentación que acredite os méritos alegados para a fase de concurso. A prestación de servizos na Administración deberá acreditarse co certificado de servizos prestados expedido pola administración correspondente. Os servizos na empresas privada acreditaranse co contrato de traballo e informe de vida laboral.

4.4. A non presentación da solicitude en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante.

5. Admisión de aspirantes.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía declarará aprobadas as relacións de persoas admitidas e excluídas, que se publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios municipais, establecéndose un prazo a efectos de reclamacións. Aqueles que no prazo sinalado non subsanen os defectos xustificando o seu dereito a ser admitidos, serán definitivamente excluídos do proceso selectivo.

Logo de rematado o dito prazo, a Alcaldía aprobará a relación definitiva de admitidos e excluídos e determinará o lugar, a data e hora de comezo do primeiro exercicio das probas selectivas, así como a relación nominal dos membros que compoñerán o Tribunal Cualificador, todo o que na web e no taboleiro de anuncios do Concello.

6. Tribunal cualificador.
O tribunal constará dun Presidente/a, tres vogais e un Secretario/a, que deberán de cumprir os requisitos sinalados no art. 60 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público e demais normativa aplicable.

Os tribunais terán a categoría e o dereito de percibir as contías correspondente, de conformidade co disposto no R.D. 462/2002 e lexislación complementaria.

As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza.

A presidencia do tribunal poderá solicitar ás persoas que formen parte do tribunal e ás que actúen como persoal asesor unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar aos integrantes do tribunal, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A actuación do tribunal axustarase ao disposto para os órganos colexiados na lexislación de procedemento administrativo.

7. Comezo e desenvolvemento do concurso-oposición
Os aspirantes terán que facer fronte ao pagamento da taxa estipulada na ordenanza fiscal reguladora de expedición de documentos (26,18€).

A selección realizarase de conformidade co previsto nas presentes bases polo sistema de concurso-oposición cos candidatos que no prazo establecido presentaran a súa documentación.

Os aspirantes convocaranse para cada exercicio en chamamento único, sendo excluídos do concurso-oposición os que non comparezan, agás nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

Os aspirantes deberán acreditar a súa personalidade coa exhibición do documento nacional de identidade ou pasaporte.

Os anuncios de celebración dos exercicios, a cualificación dos exercicios e o resultado do proceso selectivo farase pública mediante a publicación da correspondente acta/anuncio do tribunal no taboleiro de edictos e na páxina web do concello.

A puntuación definitiva estará determinada pola suma da puntuación obtida na fase de concurso e na fase de oposición (en primeiro lugar valorarase a fase de concurso). En caso de empate prevalecerá a puntuación obtida na fase de oposición sobre a fase de concurso. De persistir o empate, prevalecerá a puntuación obtida no apartado de experiencia profesional.

As probas terán carácter eliminatorio e na realización dos exercicios garantirase, sempre que sexa posíbel, o anonimato das persoas aspirantes.

Concederase un prazo de 3 días hábiles para efectos de alegacións que se contarán dende a publicación na páxina web e no taboleiro de anuncios do Concello das puntuacións dos correspondentes exercicios.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer o acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará ás persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean previstos expresamente nestas bases.

Unha vez que conclúan os procesos selectivos, o tribunal formulará a súa proposta á Presidencia da Corporación, para aprobar a lista correspondente, que ditará Resolución coa composición da lista de aspirantes obxecto da convocatoria.

En todo o non previsto nestas Bases, estarase ao disposto na normativa de acceso dos empregados públicos vixente. Así mesmo, estas Bases e cantos actos administrativos se deriven desta convocatoria, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos pola Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

7.1 Fase de concurso (PUNTUACIÓN MÁXIMA 40 PUNTOS)

A puntuación virá determinada pola acreditación dos seguintes méritos:

a. Experiencia profesional (máximo 28 puntos):

– Por acreditar a prestación de servizos na Administracións local como traballador/a social: 0,15 puntos/mes.

– Por acreditar a prestación de servizos noutra Administración pública como traballador/a social: 0,10 puntos/mes.

– Por acreditar a prestación de servizos na empresa privada como traballador/a social: 0,05 puntos/mes.

En caso de acreditación de períodos de traballo por días, un mes virá determinado pola acumulación de 30 días de traballo. Os servizos a tempo parcial serán valorados proporcionalmente.

b. Cursos de formación recibidos e acreditados (máximo 12 puntos):

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración. Así mesmo non se valorarán os inferiores a 20 horas lectivas e os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

Valoraranse os cursos especializados e/ou específicos relacionados coas funcións propias da praza obxecto da convocatoria (familia, menores, persoas maiores, discapacidade, inclusión/incorporación social, orientación laboral e emprego, inmigración, proxectos sociais, intervención nos Servizos Sociais de Atención Primaria/ Comunitarios Básicos,linguaxe de signos, uso de aplicación SIUSS…) e que foran convocados, impartidos ou homologados polas Administracións Públicas ou Universidades.

A valoración realizarase aténdose ao baremo seguinte:

– De duración de 20 a 50 horas: 0,20 puntos.

– De duración de 50 a 100 horas: 0,30 puntos.

– De duración de 101 a 150 horas: 0,50 puntos.

– De duración de 151 a 200 horas: 0,75 puntos.

– De duración de 201 a 300 horas: 1 punto.

– De duración de 301 a 500 horas: 2 puntos.

– De duración superior a 500 horas: 5 puntos.

7.2. Fase de oposición (PUNTUACIÓN MÁXIMA 60 PUNTOS)

A oposición constarán dos seguintes exercicios de carácter, todos eles, obrigatorio e eliminatorio:

1º exercicio (30 puntos): consistirá na contestación dun cuestionario de 50 preguntas con 3 respostas alternativas sobre os temas do Anexo I, nun tempo máximo total dunha hora. A puntuación será de 0 a 30 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 15 puntos. Cada pregunta correcta obterá unha puntuación de 0,60 puntos e cada pregunta contestada erroneamente será penalizado co cuarto do valor asignado á contestación correcta, isto é, 0,15 puntos. As preguntas non contestadas non terán valoración ningunha

2º exercicio (30 puntos): consistirá en resolver no tempo máximo de 2 horas, un ou varios supostos prácticos relacionados coas materias do programa. A puntuación será de 0 a 30 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 15 puntos.

3º exercicio: Consistirá na tradución dun texto do castelán ao galego e outro do galego ao castelán a proposta do tribunal, no tempo máximo total dunha hora. Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír o curso de perfeccionamento ou o Celga 4, o que deberán acreditar presentando o certificado correspondente xunto coa instancia. A cualificación será de Apto ou Non apto

8. Formación da lista
Na acta da última sesión do tribunal de selección incluirase unha lista dos/as aspirantes que superaron os exercicios da oposición, ordenados por puntuación (a puntuación total de cada un dos aspirantes será a suma da puntuación obtida na fase de concurso e na fase de oposición).

A acta do tribunal de selección elevarase á alcaldía para que dite a resolución de aprobación da lista.

8.1 O funcionamento da lista rexerase polas seguintes normas:

Producida a necesidade de realizar a contratación, avisarase á persoa que, segundo a orde de prelación que figura na bolsa, lle corresponda ser contratada. No caso de que esta persoa non estea dispoñible ou renuncie a ser contratada seguirase o chamamento segundo a orde de prelación establecida na bolsa.

Os chamamentos realizaranse por escrito, de xeito que permita a constancia da súa recepción. Poderá, igualmente, avisarse telefonicamente á persoa interesada, debendo quedar constancia, en todo caso da data e e hora en que sexa realizado o requirimento, mediante dilixencia estendida ao efecto pola persoa que o realizase. En aras de garantir este procedemento o/a interesado/a deberá comunicar ó concello, baixo a súa responsabilidade, calquera alteración do número de contacto, aínda que esta alteración teña carácter transitorio.

En supostos de urxencia, os chamamentos poderán realizarse exclusivamente de xeito telefónico, cando a súa non cobertura deste xeito puidese orixinar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público.

Os chamamentos telefónicos realizaranse entre as 8 e as 15 horas, facéndose constar mediante dilixencia do persoal encargado a súa realización, se foi respondido ou non e a disposición da persoa aspirante para a contratación ou nomeamento, segundo o caso.

Realizaranse un mínimo de dúas chamadas, mediando un mínimo de dúas horas entre elas. A persoa aspirante deberá poñerse en contacto por escrito co Concello de San Sadurniño no prazo máximo de 24 horas desde a realización da última chamada. En caso de non ser posible a comunicación ou non producirse a contestación no prazo indicado, pasarase á seguinte persoa aspirante.

9. Presentación de documentación.
De manifestar a súa disposición, á alcaldía ditará resolución de nomeamento/requirimento. A resolución será publicada na páxina web do concello e desde ese momento empezarán a contar os correspondentes prazos (sen prexuízo da posibilidade de comunicar tamén dita circunstancia por vía telefónica ou por correo electrónico) para que presente, con carácter previo á toma de posesión ou á contratación, a seguinte documentación:

– Certificado médico en impreso oficial do Colexio de Médicos e asinado por un colexiado en exercicio no que conste expresamente que ten a capacidade funcional necesaria para o desempeño das tarefas de traballador social.

– Declaración xurada de non estar incurso en incompatibilidade para ser persoal das Administracións Públicas e non ter sido separado nin inhabilitado do servizo público.

– Certificado dos requisitos previstos no artigo 13.5 da Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro de Protección Xurídica do Menor, para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores.

Se no prazo que se sinale, a persoa aspirante non presenta a documentación requirida, o resultado do recoñecemento médico fose “non apto” ou, no seu caso, non toma posesión da praza de funcionario/a interino/a, quedará sen efecto o nomeamento realizado ou non poderá ser contratado, pasando a ocupar o último lugar da lista de aspirantes, salvo que poida acreditar un suposto de forza maior (entenderase por forza maior, entre outros, estar desempeñando actividade laboral no sector público ou privado debidamente acreditado), en cuxo caso retornará ao posto que lle corresponda na lista creada.

Ao cesar como funcionario interino ou ao rematar o contrato de traballo, segundo o caso, o/a aspirante retornará ao posto que lle corresponda na lista creada.

ANEXO I. TEMARIO.

Tema 1: A Constitución Española de 1978: principios xerais e estrutura. Dos dereitos e deberes fundamentais. Da organización territorial do Estado.

Tema 2: O Estatuto de Autonomía de Galiza: estrutura e contido. Especial referencia ao goberno da Comunidade Autónoma. Das competencias de Galiza.

Tema 3: A administración local: entidades que a integran. A Lei 7/1985 RBRL: a provincia: organización e competencias; réxime de funcionamento das entidades locais; relacións interadministrativas.

Tema 4: Lei 15/1999 do 13 de decembro, de Protección de datos de carácter persoal. Principios de protección de datos. Ficheiros de titularidade pública.

Tema 5: Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de Igualdade: Disposicións xerais; integración transversal do principio de igualdade nas actuacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza. As condicións de emprego en igualdade na administración pública galega.

Tema 6: A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas: dos interesados no procedemento; da actividade das administracións públicas: normas xerais de actuación; termos e prazos. Dos actos administrativos: requisitos dos actos administrativos, eficacia dos actos, nulidade e anulabilidade. Das disposicións sobre o procedemento administrativo común: garantías do procedemento; iniciación do procedemento; ordenación do procedemento; instrución do procedemento; finalización do procedemento; tramitación simplificada do procedemento administrativo común; execución. Da revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio; recursos administrativos.

Tema 7: Real Decreto Lexislativo 5/2015 do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público: Persoal ao servizo das entidades públicas: clases de persoal. Dereitos dos empregados públicos: dereitos individuais e dereitos individuais exercidos colectivamente; Dereito á carreira profesional e á promoción interna. Dereitos retributivos. Dereito á xornada de traballo, permisos e vacacións. Deberes dos empregados públicos. Código de conduta.

Tema 8: Os contratos do sector público

Tema 9: Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia.

Tema 10: Sistema galego de SS.SS. Financiamento. Plan Concertado

Tema 11: Decreto 148/2014 do 6 de novembro polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Tema 12: O traballo social, natureza, obxecto, obxectivos e funcións. A ética profesional do traballo social. O segredo profesional. Código deontolóxico

Tema 13: Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Tema 14: O servizo de Axuda no Fogar. Normativa, coordinación e funcionamento a nivel autonómico e local. Regulamento do servizo de axuda no fogar do Concello de San Sadurniño.

Tema 15: A Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. Normativa estatal e autonómica de desenvolvemento

Tema 16: As persoas maiores. Aspectos físicos, psicolóxicos e sociais do avellentamento. A intervención do/da traballador/a social na atención xerontolóxica Prestacións e recursos

Tema 17: Discapacidade: conceptos básicos. Aspectos físicos, psíquicos e sociais e legais. Intervención social con persoas con discapacidade.

Tema 18: A lei 11/2007 do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A violencia de xénero e a violencia doméstica. Definición e causas. Formas de prevención, detección e intervención desde a atención primaria

Tema 19: Saúde mental. O internamento involuntario. Incapacitación legal e protección do/da incapaz. Intervención desde o traballo social

Tema 20: A intervención social directa: conceptos e obxectivos. A transferencia e contratransferencia na relación traballador/a social- usuario/a

Tema 21 : A intervención social indirecta. Concepto, obxectivos, técnicas. Relación con outras formas de intervención de traballo social.

Tema 22: Técnicas e instrumentos documentais básicos do traballo social. A visita domiciliaria como técnica no traballo social. Límites á visita domiciliaria.

Tema 23: A entrevista no traballo social, concepto, características, fases e tipos de entrevista. Escoita e proceso.

Tema 24: Decreto 254/2011 do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

Tema 25: A intervención social con inmigrantes dende o sistema público de servizos sociais. Reagrupamento familiar e arraigo.

Tema 26: A familia e os menores. Actuacións en situacións de desprotección de menores: risco e desamparo.

Tema 27: Drogodependencias. Intervencións do traballo social nos programas de prevención.

Tema 28: Asociacionismo e voluntariado social. Concepto características e normativa que o regula.

Tema 29: A planificación nos servizos sociais. Concepto de planificación. Técnicas aplicadas ao traballo social. Dimensións, funcións e tipos. Niveis operacionais da planificación: plans, programas e proxectos.

Tema 30: A avaliación no proxecto metodolóxico.

Share.