O Estado deixa sen efecto as restricións da Xunta en canto ao mantemento de hortas para autoconsumo

0

O BOE de hoxe publicou os detalles que permitirán facer a partir deste sábado actividade física ao aire libre durante o intervalo horario comprendido entre as 6 da mañá e as 11 da noite nos municipios menores de 5.000 habitantes. O anuncio relegou a un segundo plano informativo outra orde do Ministerio de Sanidade que ten moita trascendencia en municipios rurais coma o noso onde se segue mantendo un intenso labor agrario de autoconsumo. E é que, segundo o BOE, desde hoxe están autorizados os desprazamentos dentro do concello e a concellos limítrofes para atender hortas e incluso se permitiría ir a outros municipios, aínda que non fosen adxacentes, para o coidado e alimentación do gando. A orde estatal deixaría sen efecto parte do contido dun decreto publicado pola Consellaría do Medio Rural hai tres días, onde se limitaban eses desprazamentos ás fronteiras municipais ou a un concello veciño, sempre que non se excedesen os 5 quilómetros desde o domicilio. Ademais, no Boletín Oficial do Estado de hoxe non se menciona en ningún lado a obriga de acreditar os desprazamentos mediante o carné de manipulación/aplicación de fitosanitarios que si se esixía no decreto de Medio Rural. 

O trasfondo da cuestión está no ámbito competencial da Xunta e do Estado nas actuais circunstancias, posto que nunha situación de Estado de Alarma prevalecen as directrices do Ministerio de Sanidade e non as de Medio Rural. Neste sentido, o BOE de hoxe vai nunha liña parecida ao decreto autonómico, pero abre substancialmente as posibilidades de desprazamento para labores agrícolas non profesionais -os profesionais  xa estaban permitidos- e tamén o xeito de xustificar eses movementos.

Se ben a Xunta introducía como documento acreditativo o carné de aplicación ou manipulación de produtos fitosanitarios e unha declaración responsable na que se indicase a referencia da parcela, o Estado obvia eses requisitos e só fala de que os desprazamentos “realizaranse con observancia das normas dictadas polas autoridades competentes para garantir a protección da saúde e a seguridade da cidadanía”, apuntando ademais que os movementos “han de ser os mínimos posibles para a realización de tarefas indispensables e o acopio necesario, salvo causa debidamente xustificada”.

Ante esta indefinición Estatal, desde a área de Desenvolvemento local do Concello recoméndase aplicar o sentido común non facendo desprazamentos innecesarios e levar sempre calquera documento xustificativo, como pode ser a propia declaración responsable que pedía a Xunta coa referencia da leira que se vaia laborear, a folla do saneamento no caso de que se acuda atender o gando ou, por exemplo, a declaración do asentamento apícola se se van coidar colmeas. Recórdase tamén a obriga de dispor do “carné de sulfatar” se se van dar tratamentos fitosanitarios, aínda que non se esixa como documento acreditativo dos desprazamentos.

A publicación da orde SND/381/2020 -que prevalece sobre o decreto da Xunta nas actuais circunstancias, tal e como confirmaron esta mañá fontes de Medio Rural- significa que, desde hoxe mesmo, están autorizados os coidados de cultivos de autoconsumo “sempre que se atopen no mesmo termo municipal que o domicilio ou nun adxacente ao mesmo”, sen o límite dos 5 quilómetros. Porén, o requisito de proximidade poderá exceptuarse “en situación de necesidade”, de maneira que se poderá ir máis lonxe en dous casos: para o coidado e alimentación de animais e para o coidado e recolección de hortas de autoconsumo por razóns de subsistencia “en atención á situación socioeconómica da persoa interesada”, quen poderá acreditar esa condición “por calquera dos medios admitidos en Dereito”, sen máis aclaración.

A diferenza de Medio Rural, que permitía os desprazamentos de alomenos dúas persoas, o Estado incide en que “o desenvolvemento dos traballos realizarase de forma individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada, e polo tempo indispensable”.

Desde o Concello insístese en que se tome con prudencia toda a normativa que se está publicando desde o comezo da crise, non porque non sexa de obrigado cumprimento en cada momento, senón porque dun día para outro están producíndose cambios que cómpre ter en conta e que poden deixar sen efecto ou parcialmente anuladas directrices anteriores.

Orde SND/381/2020 do Ministerio de Sanidade referida aos desprazamentos para manter hortas e atender gando

 

Share.