O delegado da Xunta en Lugo avanza que se vai manter a prohibición de plantar patacas

0

O próximo 5 de marzo fanse os dous anos desde que se decretase a prohibición de plantar patacas por mor da couza guatemalteca. A día de hoxe aínda non houbo ningún pronunciamento oficial sobre o mantemento da medida, pero nos últimos días houbo varias informacións ao respecto, unha publicada o luns polo portal Campo Galego e, a máis recente, publicada onte mesmo polo Xornal da Mariña facéndose eco das declaracións do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, onde este asegura que a prohibición de plantar se prolongará durante “un tempo indefinido” ata que deixen de aparecer exemplares de tecia solanivora povolny nas trampas que hai colocadas polas zonas afectadas.

Desde o Concello de San Sadurniño -como municipio en corentena onde non se pode botar pataca- vólvese pedir da Xunta algún tipo de pronunciamento oficial ao respecto. O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, volveu insistir no dito o pasado decembro, cando reclamaba “información oficial sobre o estado da praga e as previsións en canto á posibilidade ou non de levantar a prohibición. Sabemos o que nos comenta o persoal técnico e o pouco que vai saíndo nos medios, pero penso que tería que haber algunha comunicación aos concellos afectados”, comenta o concelleiro.

A este respecto, Varela sinala que “segue habendo incertidume na xente, que non sabe a que aterse. Parece que imos ter bo tempo e habería que empezar a preparar a terra para a semente. Por iso era ben que a Xunta dixese xa e con toda claridade se se vai manter a prohibición ou non despois do 5 de marzo en que se cumpre o prazo marcado inicialmente”.

Porén, “independentemente da estratexia informativa que siga a consellería de Medio Rural con esta cuestión”, Manolo Varela tamén lembra que “o decreto segue en vigor e todos temos a obriga de respectalo. Todos temos que asumir que non podemos plantar patacas mentres a Xunta non levante as restricións”.

A corentena e as medidas de erradicación continúan activas neste momento en  Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, Cariño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón, As Pontes de García Rodríguez e Muxía na provincia da Coruña. Tampouco se pode plantar nos concellos lugueses do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova. Onde si se pode seguir plantando -aínda que baixo supervisión oficial- é nos municipios denominados como “tampón”: Moeche, Cerdido, Cedeira e As Somozas, onde, segundo parece, non houbo detección de avelaíña guatemalteca.

Disque a Xunta vai intensificar durante o mes de marzo os controis para detectar plantacións ilegais de pataca nos concellos en corentena. As sancións poden ser de ata 3.000 euros e desde que se iniciou a prohibición a Xunta impuxo alomenos 15 sancións por incumprila.

Share.