A Xunta mantén a incertidume sobre o levantamento da corentena para a plantación de pataca

0

Estamos xa en decembro, o mes no que en moitas casas se prepararía o terreo e se botarían as patacas de cedo. Porén, desde febreiro de 2017, San Sadurniño e outros municipios desde Ferrolterra até o occidente asturiano encóntranse en corentena por mor da presenza da couza guatemalteca da pataca. Unha situación que, desde marzo dese mesmo ano, prohibe facer plantacións novas agás nos territorios cualificados como tampón, como é o caso de Moeche, onde si se pode poñer pataca baixo supervisión da Xunta. Son moitos os veciños e veciñas que están preguntando no Concello se este ano se vai poder retomar o cultivo e a resposta que se lles está dando é que, de momento, a Xunta non informou oficialmente sobre se se vai levantar ou non a prohibición que actualmente está en vigor. Porén, extraoficialmente, e segundo avanzan fontes da loita contra a praga, todo apunta a que a Consellería de Medio Rural vai manter a corentena alomenos outro ano máis.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, contactou con persoal técnico da subdirección xeral do Servizo de Sanidade e Produción vexetal da Xunta para tentar recabar datos sobre cal é o estado das cousas en canto á pataca. Segundo comenta, “os técnicos da consellería cos que falamos indican que segue habendo presenza de couza guatemalteca na nosa zona e que os seus informes van nesa liña e na recomendación de que a prohibición de plantar se manteña outro ano máis”.

Con todo, unha cousa son os informes internos e outra distinta é o que aínda poida tardar o Goberno autonómico en comunicar publicamente o mantemento das medidas de control e erradicación da couza. O decreto da prohibición publicouse en marzo de 2017 por un prazo inicial de dous anos, con posibilidade de ser ampliado dependendo de se as medidas de contención e loita son efectivas ou non. Casando datas atopamos que, si ou si, ata marzo de 2019 estamos oficialmente en corentena e, polo tanto, seguen sen poder plantarse patacas.

O asunto é que moita xente está pensando en preparar o terreo para as de cedo, algo que en zonas de clima máis ou menos benigno coma o noso se fai en decembro ou xaneiro. Desde os servizos técnicos de Sanidade e Produción vexetal insisten en que a corentena e as medidas de erradicación continúan activas neste momento e que, polo tanto, non se poden plantar patacas nos municipios demarcados, é dicir, Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, nin tampouco nos concellos lugueses do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.

“A xente pregunta se pode plantar ou non. Desde o Concello só podemos lembrar que a corentena segue en vigor e que non se poden botar as patacas de cedo. Pensamos que a Xunta debería pronunciarse oficialmente o antes posible recordándolle á xente a prohibición e aclarando que vai pasar a partir de marzo. Queremos que nos digan xa mesmo se se van manter ou non as medidas de erradicación”, comenta Manolo Varela. O edil recorda que en decembro de 2016 “houbo xente que sementou” e que tres meses despois -en marzo de 2017- “a Xunta díxolle que tiña que levantar as plantacións”. “Non queremos que iso se repita -engade Varela-, e aínda sabendo que a prohibición siga vixente, non está de máis que a Xunta informe sobre o estado das cousas”.

Os datos recabados polo persoal técnico da Xunta indican que a praga “foi a menos” na nosa zona. Nos municipios tampón -Moeche, Cerdido, As Somozas, Ortigueira e Cariño- non houbo capturas de tecia solanivora povolny, e nalgúns outros da corentena onde se eliminaron completamente as plantacións xa non se pillou nas trampas ningún exemplar.

Non é o caso de San Sadurniño, onde hai repartidos 50 dispositivos cos que os servizos oficiais  aínda colleron 6 insectos no mes de agosto e outro máis en setembro. Por poucos que parezan, segundo o persoal técnico que se encarga de vixiar a praga, é un número suficiente para que nos seus informes recomenden manter as medidas de control e erradicación “polo menos outro ano máis”. A medida afectaríalle tanto en San Sadurniño como, “por razóns de seguridade”, a todos os concellos declarados en corentena aínda que nos últimos meses non se producira  ningunha captura en calquera deles.

Os servizos técnicos de campo xa lle terían trasladado estas conclusións “hai máis dun mes” aos máximos responsables da Consellaría do Medio Rural que, malia todo, “aínda non se traduciu en ningún pronunciamento ou recordatorio con carácter oficial por parte da Xunta”, remata Manolo Varela.

Share.