O Concello desenvolverá a finais de mes dúas sesións de traballo coa mocidade no marco do ECMYNN

0

O programa europeo Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs (ECMYNN) continúa a súa fase de investigación en San Sadurniño na procura dunha metodoloxía que axude a nivel europeo a reducir o problema da xente nova que nin estuda nin traballa. O proxecto está coordinado por institucións de Italia, Polonia, Grecia, Romanía e, en España, por San Sadurniño. Cada unha delas desenvolve un apartado concreto do estudo que, no caso de San Sadurniño, se centra en boa medida na testaxe de novos xeitos de conexión entre a administración e a mocidade. Preténdese  conseguir que esta parte da poboación faga saber as súas inquedanzas e necesidades para artellar a partir delas políticas que fomenten o emprego, a formación ou o lecer. Durante o verán fíxose un intenso labor de campo entrevistando e facilitándolles cuestionarios a máis de 200 mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. Agora toda a información recollida estase sistematizando e, en base a ela, a finais deste mes desenvolveranse na Casa da Xuventude dúas dinámicas grupais protagonizadas pola xente nova.

Durante a fase de investigación sociolóxica o Concello realizou entrevistas, acudiu a puntos de encontro da xente nova e contou coa colaboración de clubes deportivos, das entidades sociais do territorio e do centro de ensino para recoller información que permita definir o perfil -os perfís, mellor dito- da mocidade de San Sadurniño.

O equipo encargado do estudo xuntou máis de 200 fichas que nestes momentos están procesándose para extraer delas valiosa información estatística coa que propoñer medidas concretas sobre como achegar a administración á xente nova e, ao revés, como facer que a xente nova se achegue á administración para facerlle saber as súas demandas. E é que este problema, o da desconexión entre a rapazada e as institucións públicas, é común ao resto de Europa e de aí que o ECMYNN marcase como unha prioridade atopar sistemas de traballo nas administracións que axuden a salvar esa fenda.

Porén, a estatística é só unha parte. A outra é a dinamización social coas miras postas en que a mocidade se implique na vida pública propoñendo ideas e participando en grupos que trascendan o seu contorno inmediato. Neste sentido o Concello organizou dous encontros na Casa da Xuventude para os que aínda non hai data pechada, aínda que se manexan como posibilidade a tarde do luns 24 e maila mañá do sábado 29 de outubro.

A razón de xuntar grupos de mozos e mozas na Casa da Xuventude é dobre: por unha banda búscase que coñezan este novo espazo e, por outra, aproveitar os encontros para que expresen as súas demandas de todo tipo, como poden ser as referidas a formación, a novas fórmulas de dinamización do emprendemento ou a equipamentos e propostas de lecer que consideren interesantes.

O resultado dos encontros -cos que tamén se agarda promover a creación de grupos de mozos e mozas con intereses comúns- sistematizarase nunha guía de accións que despois se incorporará ao estudo final do ECMYNN xunto coas achegas das outras institucións europeas implicadas no proxecto financiado polo ERASMUS+. A iniciativa finaliza no mes de maio de 2017 e o seu cometido é sintetizar nun único documento unha relación de boas prácticas que poidan aplicar institucións e administracións públicas de toda a UE, dirixidas especialmente a reducir a taxa de mocidade que nin estuda nin traballa.

5 millóns de ninnin en Europa
Malia que o traballo que se desenvolve en San Sadurniño alcanza a toda a mocidade, o obxectivo último do ECMYNN é ocuparse da realidade ninnin que, segundo Eurostat, supón con 5 millóns de persoas o 17,3% da poboación europea. Unha realidade que obedece a múltiples circunstancias e que sobrepasa a concepción -case sempre despectiva- que ten a sociedade da palabra ninnin, posto que, ademais de quen non estuda nin traballa porque non quere, no concepto tamén entra maioritariamente  xente nova que busca e non atopa traballo, xente nova sen emprego que non dispón na súa zona de oferta formativa que lle permita acceder a un posto de traballo e tamén mocidade que non pode traballar nin estudar por circunstancias familiares.

O Eurostat sinala nos datos de 2015 publicados recentemente que España é o país da UE onde máis se incrementou na última década a porcentaxe de mozos e mozas de 20 a 24 anos que nin estudan nin traballan. O total estatal sitúase no 22,2%, só superado por Italia (31,1%), Grecia (26,1%), Croacia (24,1%) e Bulgaria (24%).

Share.