O Concello colabora coa ANPA do colexio cunha achega de 4.000 €

0

O Concello e maila ANPA do CPI de San Sadurniño asinaron este luns pola tarde o convenio anual de colaboración  que lle suporá á entidade unha achega de 4.000 euros para contribuír ao finanzamento das súas actividades culturais, deportivas e educativas así como aos gastos ordinarios. A ANPA desenvolve un completo programa de actividades extraescolares, ademais de colaborar co Concello e co profesorado do centro en eventos como a carreira popular celebrada este domingo ou a Parada Familiar de Xogos Tradicionais que, seguramente, se desenvolverá despois do verán.

A ANPA recibirá os 4.000 euros en dúas veces: 2.000 euros inmediatamente despois da sinatura do convenio e os outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos das actividades desenvolvidas. O documento recolle no seu primeiro punto o compromiso da ANPA de organizar, como mínimo, a festa do Entroido, actividades polas Letras Galegas e as festas do Magosto e Samaín.

Porén, cos cartos a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que as familias do alumnado participante só teñan que pagar un máximo de 10 euros. Ademais, a entidade colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.

O convenio rubricado este martes polo alcalde, Secundino García, e a presidenta da entidade, Ana Belén Monteagudo, tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apicultura -en colaboración coa delegación de Ferrolterra da AGA- dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo.

Por último, o acordo recolle a participación da ANPA na organización da carreira popular Concello de San Sadurniño -celebrada o pasado domingo- e a súa colaboración coa dirección do CPI na organización da III Parada Familiar de Xogos Tradicionais. O encontro co lecer tradicional tivo que suspenderse hai dúas fins de semana por causa do mal tempo e, previsiblemente, pasarase para finais do verán ou comezos do outono.

O convenio coa ANPA do colexio era un dos últimos que estaban pendentes de asinar. Agora só falta o correspondente ao clube Biela e Chaveta, que seguramente se suscriba nos próximos días. O orzamento municipal de 2016 recolle  38.000 euros neste apartado do que se poderán beneficiar sete entidades que colaboran co Concello na organización de eventos ou na xestión de servizos, como son as escolas deportivas municipais de fútbol e volei.

Por outra banda tamén se reservaron outros 24.000 para distribuír entre 14 asociacións veciñais e clubes do territorio a través da convocatoria anual de axudas para cultura e deporte. O montante total da colaboración municipal co tecido veciñal e deportivo ascende, deste xeito, a  62.000 euros.

Share.