San Sadurniño distribuirá 62.000 euros entre o tecido asociativo e deportivo do territorio

0

A comisión avaliadora das axudas para Cultura e Deportes, da que forman parte os tres grupos políticos con representación municipal, deulle o visto e prace este venres á proposta técnica de reparto das subvencións deste 2016. En total distribuiranse 21.000 euros, 16.000 destinados a nove entidades veciñais e 5.000 a catro clubes deportivos, ademais de reservar outros 3.000 para colaborar coas comisións de festas. Porén, cómpre lembrar que estas non serán as únicas partidas económicas dirixidas este ano ao fomento da actividade asociativa ou deportiva, posto que Concello suscribirá -ou suscribiu xa- convenios de colaboración co Aldebarán de Volei, co CF San Sadurniño, con Biela e Chaveta, coa ANPA do CPI, coa asociación Brío, coa AGFA do Eume e con AGA-Ferrolterra, que supoñen outros 38.000 euros.

A proposta de subvencións para actividades culturais e deportivas -e tamén para equipamento no caso de entidades con local propio- pasou sen obxeccións a comisión avaliadora formada por persoal técnico e representantes do BNG, do PP e do PSdeG-PSOE. Trátase dunha proposta que aínda deberá ser informada pola Secretaría-Intervención municipal e levarse á Xunta de Goberno Local para ser aprobada. En calquera caso, salvo que xurda algún imprevisto, as contías que se distribuirán quedarán tal e como reflicte o informe elaborado polo técnico municipal de Cultura e Deporte seguindo os criterios de puntuación establecidos nas bases da convocatoria, que obtiveron o apoio no pleno dos tres grupos municipais.

No tocante a actividades culturais destinarase un montante total de 19.000 euros divididos en tres partidas: 14.000 para actividades (máximo 4.000 euros de axuda), 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope de 300 euros por cada unha.

As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que se valoraron de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data. No listado de entidades beneficiarias non se incluíron as comisións de festas, posto que teñen aberta a convocatoria durante practicamente todo o ano.

A xustificación deberá facerse achegando facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

No tocante a axudas para clubes e entidades deportivas, as bases establecen que serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas valoraron o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais. Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida. Así, o montante total de 5.000 euros beneficiará a catro entidades: a UDC Narahío, o Club Deportivo Brío, a Sociedade de caza Naraío-Igrexafeita e o Club Deportivo Oitomil Aventura, de recente creación e centrado en actividades de sendeirismo e ao aire libre.

Convenios
As axudas para Cultura, Deportes e comisións de festas ascenden a 24.000 euros aos que cómpre sumarlles outros 38.000 que se distribúen a través de convenios nominativos con aquelas entidades que manteñen escolas municipais ou que colaboran co Concello na organización de eventos.

Nese caso encóntranse o Aldebarán-Intasa de volei, o Club de Fútbol San Sadurniño, a ANPA do colexio público, a asociación cultural Brío, o Club ciclista Biela e Chaveta e as asociacións que xestionan a horta de froiteiras e o apiario didáctico da Cortiña, a AGFA do Eume e maila AGA-Ferrolterra.

AXUDAS CULTURA
Entidade Axuda actividades Axuda infraestrutura (*) Total subvención
O Castelo de Narahío 3.831 € 1.000 € 4.831 €
Xuntanza de Lamas 1.939 € 1.939 €
Adiante Igrexafeita 1.474 € 1.000 € 2.474 €
Confraría San Pipote 1.458 € 1.458 €
A Cortiña 1.334 € 1.334 €
A.C.D. Sta. Mariña do Monte 1.318 € 1.318 €
O Pico de Ferreira 1.241 € 1.241 €
ANPA EIM A Rolada 1.117 € 1.117 €
Cabaleiros de Monte 288 € 288 €
Acción Familiar Ferrol 0 € 0 €
Comisións de Festas (convocatoria aberta todo o ano, máximo 300€ /c.u.) 3.000 €
Total: 14.000 € 2.000 € 19.000 €
(*) Concesión unicamente a entidades que posúen local propio ou en alugueiro
AXUDAS DEPORTE
Entidade Total subvención
UDC Narahío 2.174 €
Club Deportivo Brío 1.275 €
S.Caza Naraío-Igrexafeita 1.076 €
Club Deportivo Oitomil Aventura 475 €
Total: 5.000 €
CONVENIOS
C.V. Aldebarán 18.000 €
C.F. San Sadurniño 12.000 €
ANPA CPI San Sadurniño 4.000 €
AGA Ferrolterra 1.500 €
Asociación Cultural Brío 1.000 €
Club MTB Biela e Chaveta 1.000 €
AGFA do Eume 500 €
Total: 38.000 €
TOTAL SUBVENCIÓNS+CONVENIOS: 62.000 €

Documentación descargable
Bases subvencións entidades culturais e Comisións de festas
Bases subvencións entidades deportivas

Share.