Avisade aí ao Apalpador, a Papá Noel e aos Reis: só xoguetes seguros e adaptados a cada idade

0

Estamos no medio dunha pandemia, si, pero tamén ás portas das festas máis sentidas do ano e as máis ilusionantes para a rapazada. Na noite do 5 ao 6 de xaneiro chegan os auténticos bosses do agasallo, os Reis Magos, pero antes, na Noiteboa, andará Papá Noel limpando por dentro chemineas seguido dun Apalpador que pouco a pouco lle vai ganando terreo nas preferencias infantís. Os nenos e nenas, que son máis listos ca os maiores, non discuten se un é invento dos americanos que nos colonizan e o outro unha argallada “dos jallejistas”, ou se son autóctonos ou seres máxicos importados. A elas e eles iso dálles igual, porque ben saben que, envíenlle a quen lle envíen as súas cartas, pensen en quen pensen á hora de formular desexos, o resultado vai ser o mesmo: xoguetes na casa o día de Nadal e o día de Reis. O que se debe ter moi presente é que os Magos e os outros dous subalternos que veñen por aí días antes son simples mandados, eles traen o que se lles pida e, por esa mesma razón, non está de máis lembrarlles que os enredos deben ser seguros, adaptados a cada idade e, se ademais educan e fortalecen valores, mellor que mellor.

Con respecto á seguridade dos xoguetes abonda con ter en conta as recomendacións que nos dá o Instituto Galego de Consumo nunha pequena folla explicativa que recolle o básico e imprescindible, sobre todo no relativo á información que deben conter. A primeira é que conten co marcado CE (Comunidade Europea), que vén sendo un compromiso do fabricante conforme o produto respecta as normas de seguridade europeas. É só iso, un compromiso, non unha garantía. Pero polo menos é vinculante en caso de que se produza algún accidente. O marcado CE non debe confundirse con outro CE, o de “China Export”, que aparece en moitos xoguetes e aparellos -case idéntico ao distintivo europeo- e que está posto así intencionadamente para darlle un falso marchamo de calidade a artigos que, se cadra, non a teñen.

Ademais do CE europeo, os xogos e xoguetes deben incluír o nome, a razón social ou a marca -ou os tres datos-, un enderezo da persoa fabricante ou da súa representación oficial na Unión Europea -ou quen fixo a importación- e o número de lote, serie e modelo. A caixa debe gardarse ante posibles reclamacións de garantía (hai 2 anos si ou si) e tamén ante eventuais accidentes, ou polo menos ter sempre á man os datos da etiquetaxe.

Obrigatoriamente deben traer advertencias para evitar riscos no seu emprego e manexo, sobre todo cando non son axeitados e poidan resultar perigosos para os nenos e nenas menores de 36 meses por conteren pezas pequenas ou outros materiais que poidan levar á boca. As pilas só deben poder manipulalas persoas adultas e, se se trata de videoxogos, hai que mirar ben a súa clasificación PEGI, que analiza o seu contido e establece as idades mínimas recomendadas para poder xogar con eles.

En calquera caso, na folla de instrucións deben aparecer todos eses aspectos e, ademais, estar escritos polo menos en castelán. Isto último é importante, habida conta de que agora o Apalpador, Papá Noel e os Reis son moito de acudir ao comercio electrónico para se aprovisionar de existencias coas que satisfacer os desexos infantís. E este ano, dadas as circunstancias, parece que esa vai ser unha das vías máis utilizadas.

Por iso tamén se lles debe recordar na carta que teñan coidado con onde compran e que o fagan sempre en tendas co protocolo https, que comparen prezos e condicións de entrega -sobre todo custes de envío e prazos garantizados- e que desconfíen de correos electrónicos onde se lle pidan datos bancarios ou números de tarxeta de débito ou crédito. Para evitar sorpresas desagradables compénsalles ter unha tarxeta prepago só para compras por internet ou optar por intermediarias como PayPal, que sempre ofrecen un plus de tranquilidade en calquera transferencia electrónica.

E, como remate, tamén hai que falar de que tipo de xoguete é máis recomendable. A resposta é sinxela: o que lle guste ao neno ou nena e que lle axude a desenvolverse como persoa. Ben, tan sinxela non é, pero hai pautas que os seres máxicos ben saberán aplicar coas sabias orientacións de papás e mamás, que poden axudarlles a inducir dalgún modo as preferencias infantís:

  • Un xoguete pode ser educativo… pero ten que ser tamén divertido e atraente. Por moi instrutivo que sexa, pode resultar aburrido e por iso é primordial ter en conta os gustos e necesidades do menor e ser conscientes de se lle achega beneficios ou se, pola contra, vai quedar tirado en calquera lado aos dous días de brincar con el.
  • En relación co anterior é importante que os xoguetes estean adaptados a cada idade.
  • Tamén se deben evitar xoguetes que fomenten comportamentos sexistas. Reis, Papa Noel e Apalpador, recordade: non hai xoguetes nin cores “de nenos e de nenas”, iso apréndese, a cativería non nace con eses prexuízos.
  • O máis caro non é necesariamente o máis conveniente. Tampouco ter todos os xoguetes significa que os pequenos vaian ser máis felices. É máis, á hora de escribir a carta a rapazada debe ser consciente de que hai que escoller, moverse dentro duns límites para aprender a tomar decisións e, ao tempo,  ir asumindo iso do “consumo responsable” que tantas veces se menciona e outras tantas se esquece.

Van vir os Reis, Papa Noel e o Apalpador?
Menuda pregunta!, claro que van vir… nunca fallaron e non van facelo agora por moita pandemia que haxa. Outra cousa é que poidamos velos en persoa. E incluso iso vai ser posible en San Sadurniño, aínda que gardando a separación interpersoal e só por uns intres.

Se o tempo e a situación sanitaria o permiten, o Apalpador percorrerá os domicilios da rapazada de ata 11 anos de todo o concello na tarde do sábado 26 e durante o domingo 27 de decembro. Os Reis tamén andarán por San Sadurniño na tarde do domingo 3 de xaneiro, cando farán un percorrido exprés polo exterior dos locais sociais. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán, saudarán mantendo as distancias e seguirán camiño, mentres a cativería e as súas familias quedan en cada lugar degustando roscón e chocolate ao aire libre.

Os horarios das visitas poden consultarse aquí. E, repetimos, sempre condicionadas a que o tempo deixe facer e a que o nivel epidemiolóxico non sexa impedimento.

Share.