O Concello levará o Apalpador -ou Apalpadora- e os Reis Magos polas parroquias

0

É sabido que o Apalpador, Melchor, Gaspar e Baltasar non deixan ningunha casa por visitar na véspera do Nadal e na noite de Reis para levarlles ilusión e agasallos a todas as nenas e nenos. Porén, neste ano tan particular en que non se recomendan as xuntanzas de persoas, vai ser difícil atender as peticións infantís nos tradicionais encontros de Nadal e cabalgatas. Por iso o Concello coordinou con eles unha solución alternativa: se a rapazada non pode ir velos, serán eles quen vaian polas parroquias para recoller as súas cartas que, no caso da visita do Apalpador, entrarán no sorteo de 10 vales para mercar Maruxas de nata e saborosos Bicos de Xeado.

As cartas poden escribírselle indistintamente ao Apalpador ou aos Reis Magos de Oriente, aínda que a primeira recollida itinerante a faga o Apalpador -ou Apalpadora- na fin de semana do 26 e do 27 de decembro. Durante eses dous días, o persoeiro do Nadal percorrerá as sete parroquias na compaña dunha comitiva musical -se o tempo acompaña- que, ao mesmo tempo, recuperará a tradición dos aguinaldos.

Visitará as casas onde vivan nenas e nenos ata os 11 anos de idade, mantendo as distancias e adoptando todas as medidas preventivas que se deben ter en conta nestes momentos. Iso si, se algunha familia prefire que non se pase polo seu domicilio, prégaselle que llo comunique ao Técnico de Cultura antes do 19 de decembro chamando ao 616 332 919. 

O ser máxico das montañas chegará -hase saber cando pola música que leva canda el-, chamará á porta e parará o xustiño para recoller as cartas e proseguir camiño. No caso da cativería de 1º a 5º de primaria poden utilizar como modelo de carta a preparada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que se lle fará chegar ao CPI para que a distribúa entre o alumnado. O Concello recomenda telas xa á man para non demorarlle ao Apalpador un traballo que fai con gusto, pero que vai ser moi intenso durante esa fin de semana do 26 e 27 de decembro.  O percorrido do grupo será o seguinte:

Sábado 26

  • Ferreira e Igrexafeita: saída de Raña cara a Pontellas ás 15.30h. e continuación da ruta polas casas das nenas e nenos. Cerca das 17.30h. chegarán a Igrexafeita para ir parando en cada domicilio con cativería.
  • Lamas: saída desde Bouzarrara ás 15.30h. con destino ao Camiño Arriba e, posteriormente, continuará pola Pallota e Vilanova para proseguir porta a porta polo resto da parroqua
  • Bardaos: sairán de Gudín ás 16.00h. con destino á Casanova, seguindo unha viaxe polo territorio que finalizará diante do Local Social.
  • Santa Mariña do Monte: a comitiva partirá do local social ás 16.00h.

Domingo 27:

  • San Sadurniño: este día o Apalpador/a empezará cedo, no Albeiro ás 10.00h. para ir facendo un percorrido que pasará por Silvalonga e outros lugares da parroquia ata finalizar na praza do antigo Concello.
  • Naraío: a saída está posta para as 16.00h. do adro da igrexa parroquial.

Recordade: non fai falla ir ver o Apalpador a ningún sitio, senón que será el ou ela quen vaia pasando por cada domicilio, salvo que as familias indiquen o contrario. Todas as cartas que se recollan durante esa fin de semana -sexan para o Apalpador ou para os Reis- entrarán no sorteo de 10 vales de 30 euros para mercar galletas Maruxas de nata e tamén riquísimos Bicos de Xeado. O sorteo farase no Concello o luns 28 de decembro ás 12.00h.

Melchor, Gaspar e Baltasar, o domingo 3 de xaneiro INFORMACIÓN ACTUALIZADA: OS REIS FARÁN O PERCORRIDO NA TARDE DO MARTES 5 DE XANEIRO
Os Reis Magos do Oriente, sabedores de que este ano as recepcións teñen que facerse en pequenos grupos e mantendo a separación, tamén se achegarán por San Sadurniño días antes da noite máxica. Pasarán polas distintas parroquias sen deterse moito e sen poder coller os pequenos no colo como era habitual, o que non lles impedirá captar os seus desexos só con verlles a cara. A rapazada poderá velos no exterior dos locais sociais o martes 5 de xaneiro cos seguintes horarios:

  • 15.15h. á porta do Local Social da Veiga, en Naraío
  • 16.00h. diante do Local Social da Torre, en Igrexafeita
  • 16.45h. na explanada do Local Social da Seara, en Ferreira
  • 17.30h. diante do Local Social do Chao, en Lamas
  • 18.15h. no exterior do Local Social de Bardaos
  • 18.45h. fronte ao Local Social do Camiño Arriba
  • 19.15h. ao pé do Local Social de Santa Mariña do Monte
  • 20.00h. na Praza do antigo Concello, en San Sadurniño

Aínda que os Reis vaian parar pouco, a rapazada e as súas familias terán mesas co típico roscón e chocolate quente por se queren estirar un pouco máis a tarde. Todas as recepcións serán ao aire libre, por iso, no caso de que dean mal tempo, suspenderase o percorrido (informarase a véspera a través do Facebook do Concello).

Share.