As autoridades sanitarias insisten: hai que permanecer na casa

0

Non hai máis. A única maneira de ralentizar a curva ascendente de contaxios é respectar o confinamento que se vai prorrogar, con total seguridade, ata alomenos o 11 de abril. O Goberno estatal  vaille solicitar ao Congreso dos Deputados ampliar outras dúas semanas o Estado de Alarma, nunha sesión que se vai celebrar mañá e que, en principio, conta con suficiente maioría para que a petición vaia adiante. En calquera caso a situación complícase a cada día que pasa cun maior número de contaxios e tamén de persoas falecidas. Non pretendemos sementar máis psicose nin medo, senón recordar unha e outra vez que o problema é moi serio e que só se pode solucionar a base de concienciación e responsabilidade individual. Por iso é moi importante circular pola vía pública só se é realmente necesario e só naqueles casos que estean autorizados pola normativa, é dicir, para facer compra de produtos básicos, para ir ou volver do traballo, para ir ao médico ou ir á farmacia, entre outros motivos que han de estar xustificados. En termos xerais, San Sadurniño está respectando o confinamento aínda que sempre se pode mellorar, por exemplo, planificando ben as compras e atendendo con dilixencia as indicacións sobre hixiene e distancia social nos supermercados e outros puntos de venda.

Esta mañá estivemos en dous dos lugares máis frecuentados do concello nestes momentos: no súper da Cooperativa de Meirás en San Sadurniño e tamén no Supermercado Outeiro.

No primeiro establecemento hoxe xa se notaba menos movemento ca onte pola mañá que, por ser luns e por albiscarse que se ía prorrogar o confinamento dúas semanas máis, rexistrou moito movemento de clientela. Algo que obrigou ás traballadoras  a limitar o aforo do local a un máximo de 5 persoas, mentres que o resto debían agardar fóra e mantendo no posible a recomendación de entre 1,5 e 2 metros de separación.

No interior, os andeis ben aprovisionados e con comerciais entrando a cada pouco para repoñer mercadoría. A oferta alimentaria conta con suficientes existencias, tanto en fresco como envasado, igual que os produtos de hixiene persoal -papel, compresas, xabóns, champús, etc.- e os únicos andeis que se ven con menos xénero son os dos produtos de limpeza e desinfección: alcoles, sanitol, luvas, etc., aínda que desde a Cooperativa tamén sinalan que entre hoxe e mañá entrarán lotes de novo.

O mesmo contaba Pascual Folgado, quen rexenta o supermercado Outeiro canda á súa compañeira Pilar Dopico. A comezos da semana pasada as vendas foron un non parar que se foi normalizando co paso dos días. “Foi un pouco agobiante porque houbo compra compulsiva, quedabas sen mercadoría…o problema do papel hixiénico que agora se cambiou polo da cervexa, pero agora máis ou menos estamos abastecidos. Temos aproximadamente o 85% dos produtos habituais, salvo algunha marca que poida faltar, como pode ser algo na droguería, algo a lexía e algúns artigos de limpeza e desinfección”.

Pascual comenta tamén como está sendo o día a día no seu establecemento en canto a medidas preventivas e a como as asume a clientela que, segundo apunta, “está moi concienciada e enterada das normas”. No seu caso só permiten o acceso ao establecemento a un máximo de catro persoas cada vez e pídese que tanto no interior como no exterior se manteña unha distancia de 1,5 a 2 metros. “Moita vén con luvas, moita con mascarilla… a xente é moi razoable coa situación”, asegura Pascual, aínda que recoñece que nalgúns momentos “ás veces paran falar e iso debían tentar non facelo, ou facelo fóra a un metro de distancia ou metro e medio”.

O supermercado Outeiro -ou simplemente Pascual, como é coñecido en toda a volta- é unha pequena tenda que ofrece de todo. Xunto con Calvo, tamén en San Sadurniño, e Castrillón, en Lamas, é das poucas que non quedaron arrasadas polas grandes superficies comerciais e un exemplo máis dese comercio próximo e de calidade que esta crise está reivindicando como fundamental.

Aquí a clientela é a de toda a vida, toda se coñece e toda acode nestas circunstancias buscando algo máis que produtos de primeira necesidade. O breve tempo que se comparte agardando fóra, entre andeis ou á hora de pagar tamén fai de termómetro sobre como se vive o confinamento: “Hai moita xente que lle notas que está moi soa na casa. Ás veces coméntolle a Pili, a miña compañeira, que parecemos un consultorio psicolóxico porque a xente vén facer unha especie de terapia de grupo. A maior parte do tempo fálase disto, do coronavirus, de canto vai durar, da cuestión sanitaria, da cuestión económica… a xente está preocupada por canto imos estar así”.

A cousa vai para tempo, incluso debemos estar preparados para unha eventual prórroga da prórroga que se vai aprobar mañá. De aí que sexa tan importante actuar con cabeza á hora de facer as compras de produtos básicos:

  • Primeiro e máis importante: planifiquemos a compra ben antes de saír da casa e anotemos só o realmente necesario e nunha cantidade que nos evite ir ao súper cada dous por tres buscar cousas que nos esqueceron. Non fagamos acopios innecesarios e compulsivos. Cantas menos veces vaiamos facer a compra, menos posibilidades de contaxio para nós e tamén para a xente que nos atende.
  • Ah, tamén moi importante, antes de saír da casa asegúrate de que levas bolsas reutilizables. Lava ben as mans antes de saír e pon guantes se os tes. Procura ter o coche limpo naquelas partes que se tocan coas mans. Tanto para este como para outros desprazamentos é moi recomendable pasarlle un trapo ou un papel impregnado en desinfectante (un produto de limpeza, alcol, auga cunhas pingas de lixivia) ás manillas das portas, ao volante, á panca das marchas e aos enganches do cinto de seguridade.
  • Vaiamos facer a compra individualmente. Recordamos que nun mesmo vehículo só pode ir unha persoa, a menos que acompañe a persoas maiores ou dependentes que, para o caso, poden agardar na casa a que lle levemos o que precisen.
  • Non o di en ningún lado, pero é de sentido común: se temos veciñas ou veciños con dificultade para ir facer a súa compra semanal -porque son persoas maiores, porque teñen a mobilidade reducida, porque non dispoñen dunha rede de apoio familiar próxima… polo que sexa- preguntémoslles se precisan algo e aproveitemos a nosa viaxe para traerlles o que necesitan.
  • Unha vez na tenda ou súper: gardemos a distancia de seguridade con outras persoas mentres agardamos e cando esteamos no interior facendo compra ou pagando. Respectemos tamén as recomendacións que nos dea o persoal e permanezamos no establecemento só o necesario. Coñecemos de sobra a Cooperativa, Pascual e outros puntos de venda, vaiamos a tiro fixo buscar o que precisemos sen andar dando voltas innecesarias. Recordade que igual hai xente esperando fóra.
  • En canto á hixiene: se podes, acude con luvas desinfectadas e non lle botes a man aos produtos que hai nos andeis se non os vas levar. Todos están ben á vista co prezo posto en letras grandes. Antes de collelos, pensa seriamente se che fan falla e cantos necesitas, non andes trasegando con eles do cesto para o expositor e do expositor para o cesto. Por suposto, se tuses ou esbirras, faino contra un pano desbotable ou contra o interior do cóbado, nunca contra os produtos ou contra outras persoas.
  • Mantén a distancia con respecto á froita e a verdura e nin se che ocorra botarlle a man “a ver como está”. Elixe o que precises e que cho sirva a persoa que te estea atendendo. Esta recomendación tamén vale para o pan fresco. Recorda que despois, unha vez na casa, hai que lavar ben este tipo de produtos -o pan non, claro-, incluso botando na auga unha pinga de lixivia antes de enxaugalos ben. (Isto xa debía ser así antes da crise do coronavirus).
  • Respecta tamén a distancia social na cola e evita parolas que a ralenticen, igual que se te atopas con alguén mentres estás comprando.  Á hora de pagar procura facelo con tarxeta ou co móbil e, insistimos outra vez, garda unha distancia prudente con quen estea cobrando.
  • Despois de pasar polo súper non botes as mans aos ollos ou á boca sen antes lavalas ben de novo. Se levas guantes, quítaos con coidado e tíraos no lixo procurando que queden un dentro do outro e do revés. Se son de nitrilo ou doutro material resistente, lávaos e desinféctaos ben antes de sacalos. Despois ponos a secar e volve lavar as mans como fixeches antes de saír.

Por último, se algunha persoa ten problemas para desprazarse ou non dispón de medios para facelo, pode contactar co Concello no 981 490 027 para solicitar a asistencia municipal na achega de produtos de primeira necesidade.

Share.