30 postos participan no mercado local deste domingo

0

A Área de Desenvolvemento local recolleu un total de 30 solicitudes de inscrición no mercado local que terá lugar nos xardíns municipais durante a mañá deste domingo 28 de outubro. Será a última cita do ano co comercio de proximidade e, de novo, atoparemos nela produtos que van desde a alimentación ata a artesanía ou os artigos de segunda man. Ademais, tal e como se vén facendo nas últimas edicións, o mercado tamén contará con animación. Quen se achegue por alí notará algúns cambios no espazo, onde se acaba de instalar un novo sistema de iluminación e onde tamén se acaban de podar as palmeiras. Por último, quen teña interese non só en comprar senón tamén en aprender máis sobre produción sustentable de alimentos debe recordar que hoxe venres continúan as charlas do Outono agroecolóxico organizado pola asociación A Cortiña e mailo Concello.

Para dinamizar a actividade comercial do mercado do domingo, o Concello convidou un grupo de gaitas pertencente á banda do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ao longo da mañá botaranlle varias pezas tradicionais polos sendeiros do parque, onde tamén poderemos desfrutar sobre as 12.00h. dun espectáculo teatral de rúa cargado de contos e humor…. e castañas. E é que dentro desta actuación repartiranse cartuchos de castañas asadas, auténtica estrela desta época do ano xunto cos cogomelos.

Destes dous produtos seguramente poidamos atopar moita variedade e cantidade no mercado. A seca do verán e do outono mermou considerablemente a produción dos castiñeiros en toda Galicia. Iso e a alta demanda neste tempo están propiciando que a castaña vaia máis cara que outros anos, con prezos que andan -dependendo das calidades- entre os 3 e os 5 euros, e sen garantía plena en moitos casos de que non vaian traer verme.

No caso das setas semella que o tempo se lles vai poñer ao xeito a partir de agora -Meteogalicia anuncia descenso térmico e chuvia a partir da fin de semana-, aínda que hai persoas afeccionadas que xa levan semanas apañando nelas. Hai moitas variedades comestibles -que deben recolectarse só se se coñecen ben-, pero as que máis se ven nos últimos días  medrando ás beiras das estradas e en prados son as zarrotas ou macrolepiotas, moi saborosas feitas á prancha con sal e xamón.

A oferta do mercado deste domingo -o último da temporada- estará composta por todo o que traian os 30 postos inscritos na cita: 1 viveiro, 9 de produción alimentaria, 4 de artesanía, 12 de artigos de segunda man e 4 que traen tanto manufacturas como curiosidades.

Algúns cambios no espazo
Quen se achegue polos xardíns municipais con motivo do mercado ha notar algúns cambios no espazo. E é que nos últimos días se instalaron nas beiras dos sendeiros varias farolas led, dentro dun proxecto cifrado inicialmente en 26.754 euros para renovar tamén o alumeado da antiga praza do Concello, nos arredores do Convento do Rosario e no exterior da casa consistorial. A iniciativa está sufragada con fondos municipais do remanente de 2017 -140.000 euros en total-, cos que tamén se prevén melloras na rede viaria e  no entorno da área deportiva dos Currás que se están executando nestes días.

Por outra banda, o Concello tamén acometeu esta mesma semana a poda das palmeiras do xardín. Os traballos centráronse na retirada de follas secas que podían desprenderse co vento, pero tamén na limpeza da copa destas árbores exóticas co obxectivo de mantelas saudables.

Prosegue o Outono agroecolóxico
Cómpre lembrar que como anticipo da xornada do domingo proseguen as charlas encadradas no Outono agroecolóxico organizado pola asociación A Cortiña e mailo Concello. As sesións abordan distintas experiencias na produción e comercialización de proximidade de alimentos cultivados ou criados de forma sustentable.

Na xornada que se desenvolverá este venres 26 ás 18.30h. na Casa da Xuventude  o público asistente coñecerá o traballo de Elia Rodríguez, impulsora canda Vicente Méndez da Finca das Fadegas, no concello mariñao de Ribadeo. O proxecto foi pioneiro no cultivo ecolóxico en Galicia -neste 2018 fai 40 anos- e chegou a converterse no seu medio de vida. Hoxe é unha filla da parella quen o xestiona canda outra socia.

As seguintes citas do Outono agroecolóxico serán o venres 9 de novembro -mesma hora, mesmo sitio- cunha charla da Asociación Galega de Custodia do Territorio e o domingo 18 de novembro ás 11.00h. coa sesión sobre Nutre en Bío.

Listado de postos do mercado local

 

Share.