A Cortiña e o Concello organizan varias xornadas sobre agroecoloxía durante outubro e novembro

0

A Asociación agroecolóxica A Cortiña é unha entidade sen fins de lucro con sede en San Sadurniño que traballa a prol da difusión dunha agricultura e unha gandaría sustentables que atendan mercados de proximidade. A asociación colabora co Concello na organización de encontros e xornadas técnicas relacionadas con este ámbito e, de cara ás próximas semanas, propónnos un calendario con catro interesantísimas charlas nas que veremos experiencias de éxito na produción e comercialización alimentaria á marxe dos ditados que marca a grande distribución.

Todas as sesións desenvolveranse na Casa da Xuventude comezando o venres 19 de outubro ás 18.30h. Nesa ocasión coñeceremos o proxecto empresarial Trasdeza Natur, centrado na produción, deshidratación e venda de horta e froita “bio”, premiada pola AGADER como exemplo de innovación tecnolóxica no campo alimentario.

A seguinte cita é o venres 26 á mesma hora. O público asistente manterá un encontro con Elia Rodríguez, impulsora canda Vicente Méndez da Finca das Fadegas, no concello mariñao de Ribadeo. O proxecto foi pioneiro no cultivo ecolóxico en Galicia -neste 2018 fai 40 anos- e chegou a converterse no seu medio de vida. Hoxe é unha filla da parella quen o xestiona canda outra socia.

A penúltima das charlas organizadas pola Cortiña e o Concello -o venres 9 de novembro ás 18.30h.- servirá de carta de presentación en San Sadurniño da Asociación Galega de Custodia do Territorio. O ente de ámbito galego constituído en Rábade hai unha década promove a conservación e recuperación do patrimonio natural sen renunciar ao aproveitamento do medio, senón máis ben promovendo a xestión sustentable dos recursos.

O ciclo formativo finalizará o domingo 18 de novembro ás 11.00h. cunha  charla de representantes de Nutre en Bio, experiencia de produción de horta e froita sen praguicidas nin abonos de síntese para a súa comercialización conxunta. Agrupa pequenas explotacións das comarcas pontevedresas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. Os cultivos véndense principalmente no mercado do Progreso, en Vigo, e entre os seus proxectos destaca a distribución a domicilio de cestas de horta de temporada escollidas no seu mellor momento.

Todas as charlas cadran tematicamente na posta en valor da sustentabilidade ambiental como clave para obter produtos da máxima calidade, así como a idea da súa comercialización de proximidade dentro do que xa se coñece como “Km.0”, é dicir, todo tipo de alimentos que se cultivan ou crían preto de onde se consumen, reforzando deste xeito o tecido socioeconómico da comunidade e garantindo que a maior parte do valor engadido quede na produción e non na distribución.

As sesións  son de balde e non se precisa inscrición previa.

Share.