23 persoas botan solicitude para a lista de contratación da praza de traballo social

0

O Concello abriu o pasado 26 de decembro o proceso para formar unha lista de contratación da que poder botar man en caso de baixas, permisos ou excedencias da traballadora social municipal. Á convocatoria presentáronse un total de 23 persoas. De todas as solicitudes recibidas, o Concello admitiu un total de 22 e rexeitou unha. Esta relación inicial non é definitiva, posto que as persoas aspirantes teñen ata o xoves desta semana para presentar alegacións. Unha vez que estas sexan resoltas arrancará o proceso selectivo propiamente dito, que se efectuará mediante concurso-oposición. As datas das probas publicaranse no apartado de avisos de sansadurnino.gal e tamén se compartirán nas redes sociais. 

Xunto cos requisitos comúns a calquera oposición -nacionalidade, idade, capacidade funcional para o traballo e ausencia de sancións ou inhabilitacións-, neste caso é necesario dispor to título de Grao ou Diplomatura en Traballo social ou equivalente. A partir de aí valorarase na fase de concurso tanto a experiencia profesional como os cursos e outra formación acreditada segundo o establecido nas bases da convocatoria. O apartado dos méritos acumulados por experiencia e formación outorgará ata un máximo de 40 puntos.

A parte de oposición constará de tres exercicios cun valor máximo de 60 puntos: un exame teórico de 50 preguntas, unha proba para a resolución dun ou varios supostos prácticos e, o terceiro -que non puntuará pero si será obrigatorio aprobar-, consistente na tradución dun texto do castelán ao galego e outro do galego ao castelán que non será necesario facer se se presentou a certificación sobre o coñecemento da nosa lingua esixido nas bases.

Ao remate de todo o proceso publicarase unha lista ordenada cos nomes e as puntuacións acadadas e, chegado o momento, seguirase a mesma orde para facer os chamamentos, que se cursarán por escrito aínda que en casos urxentes tamén se poderán efectuar por teléfono. A lista non funcionará de forma rotatoria, senón que as persoas que cumpran os requisitos manterán sempre a mesma prioridade nos chamamentos. A relación de nomes terá vixencia até o día 31 de decembro de 2020 a menos que se convoque un novo proceso selectivo antes desa data.

A praza cubriríase en rexime de interinidade no caso de que houbese que recorrer á substitución por calquera motivo da traballadora social  titular. Do mesmo xeito, calquera persoa contatada da lista terá as idénticas condicións en canto a categoría laboral: Grupo A, Subgrupo A2, Escala de administración especial, Subescala técnica.

Bases publicadas no BOP do 26/12/2018
Lista provisional de persoas admitidas e excluídas para participar no proceso selectivo, publicada o 21/01/2019 – Prazo de alegacións ata o 24/01/2019
Aviso da web municipal onde se irá publicando toda a información

 

Share.