San Sadurniño volverá vestirse coas cores da primavera o domingo 30 de abril nunha nova edición da Feira da Plantación, o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo. O Concello volve organizar o evento no que colaboran Planteles Vivergal e a Deputación da Coruña, ademais dos postos que acudirán á cita con toda a súa oferta.
A XXVI Feira da Plantación contará principalmente con planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.
Onde?
Desde 2022 a feira celébrase no arboreto autóctono da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xuvia e da Fraga Máxica (localización en GoogleMaps), para gozar dun espazo máis amplo e accesible.
Quero ir co meu posto
Os postos que desexen participar na feira poden presentar a súa solicitude até o 19 de abril no rexistro municipal (ata as 14:00h), na Sede Electrónica (ata as 24:00h) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña). Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde. Os expositores e expositoras poderán instalar as súas propias carpas e toldos ou solicitarlle ao Concello ese equipamento.
Segundo o anuncio publicado no BOP, as cotas son as seguintes:
- 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 5€
- 6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 15€
- 16 a 25 metros frontais por 7 metros de fondo: 45€
- Postos que soliciten carpa de 5x5m instalada polo Concello: 85€
- Postos que soliciten carpa de 12x6m instalada polo Concello: 200€
Folla de solicitude e bases de participación
PROGRAMA
10:00h. Apertura de postos – Con venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.
11:00 a 19:30h. Obradoiros e demostracións
Obradoiro de decoración de flor seca, para todas as idades (10 prazas por quenda: ás 11:15, ás 12:00, ás 16:15 e ás 17:00h)
Obradoiro de elaboración de xabóns artesanais, para rapazada de 3 a 11 anos (6 prazas por quenda, unha ás 13:00h e outra ás 18:15h)
As inscricións para os obradoiros de flor seca e xabóns hai que facelas o mesmo día da feira na carpa do Concello.
Demostracións de Arte Floral (non require inscrición)
Sesión de mañá das 11:00 ás 12:30h
Sesión de tarde entre as 16:30 e as 18:00h
14:00 e 19:30h Sorteo de ramos e centros florais da XXVI Feira da Plantación
As rifas entregaranse con cada compra. Haberá que depositalas na urna situada na carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.
Actuación ao longo da mañá das PANDERETEIRAS DE DONAIRE e dos MOZOS DA RONDA durante a tarde.
Na feira tamén haberá un espazo para xantar a prezos populares. Outra opción é acudir a algún dos restaurantes do concello. Nese caso recoméndase reservar mesa, sobre todo nos dous que quedan máis preto do evento.
20:00h Clausura da XXVI Feira da Plantación
Todas as persoas que acudan á feira poderán levar de agasallo unha bolsiña con plantas ornamentais, gracias á colaboración da empresa local Vivergal S.L.