O éxito das xornadas micolóxicas previstas para este venres e sábado, que xa cubriron hai semanas todas as prazas dispoñibles, levou á área de Desenvolvemento local a lanzar unha nova convocatoria titulada “Buscando as setas do frío”. A actividade desenvolverase o venres 11 de decembro á tardiña e o sábado 12 pola mañá, mantendo o mesmo formato e contando novamente como docente con José Luis Cuba, grande experto en micoloxía e un dos mellores divulgadores de Galicia nesta materia.
Este novo obradoiro do mes de decembro comezará o venres 11 cunha charla introdutoria na Casa da Xuventude, de 20:00 a 21:30h, na que se abordarán as principais especies de fungos e cogomelos que poden atoparse nos montes da comarca, as súas características e as precaucións necesarias para identificalos correctamente.
A xornada matutina do sábado 12 dedicarase a unha saída práctica ao monte, entre as 8:30 e as 14:30h, na que as persoas participantes aprenderán a distinguir especies propias dos meses máis fríos do ano e a recollelas de maneira segura e respectuosa co medio natural.
A formación estará dirixida por José Luis Cuba, autor da guía Cogomelos da terra de Ortegal e responsable dunha popular canle de YouTube dedicada á divulgación micolóxica. Ademais de ensinar a recoñecer as distintas especies, o experto insistirá na importancia de evitar confusións entre cogomelos comestibles e tóxicos, así como na necesidade de respectar a normativa que regula a súa recollida.
O Forgoselo e outros montes da comarca ofrecen unhas condicións especialmente favorables para a aparición de cogomelos durante os meses máis fríos do ano, grazas á humidade ambiental, ás abundantes precipitacións e ás temperaturas relativamente suaves do clima atlántico. Entre as especies que podemos atopar durante o outono avanzado e o inverno destacan a trompeta amarela (Craterellus tubaeformis), frecuente nos piñeirais e noutras zonas forestais húmidas, a lingua de vaca (Hydnum repandum) e a lingua de gato (Hydnum rufescens), que adoitan medrar tanto baixo coníferas como en bosques de frondosas. Tamén poden seguir aparecendo algúns níscaros (Lactarius deliciosus e especies próximas), especialmente cando as temperaturas non baixan demasiado e as xeadas son pouco frecuentes.
Nas carballeiras, soutos e zonas arboradas da comarca tamén é posible atopar especies adaptadas ás condicións invernais, como a orella de Xudas (Auricularia auricula-judae), que medra sobre madeira, especialmente de sabugueiro, ou a Flammulina velutipes, un cogomelo capaz de fructificar mesmo con temperaturas moi baixas. Esta diversidade micolóxica permite prolongar a temporada de recolección máis alá do outono e abre interesantes posibilidades para o aproveitamento gastronómico e a elaboración de produtos transformados, sempre que se respecten as normas de recollida e se extremen as precaucións na identificación das especies, xa que algunhas presentan semellanzas con outras tóxicas ou mesmo mortais.
O novo obradoiro sobre micoloxía impartido por José Luis Cuba ofrece 25 prazas cun prezo de 10 euros por persoa. Para reservar unha delas cómpre escribir ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919 facilitando os datos e un teléfono de contacto. Unha vez confirmada a dispoñibilidade, será necesario cubrir o formulario de inscrición dispoñible nesta ligazón e efectuar o pagamento correspondente.
Repetimos: o envío do formulario de inscrición e o pagamento dos dez euros que custa o obradoiro só deben efectuarse cando o Concello nos confirme que temos praza, non antes.