Publicada a adxudicación provisional de prazas da Aldea de Verán

0

O departamento municipal de Igualdade publicou o venres no tablón de anuncios do Concello a resolución da alcaldía co listado provisional de nenas e nenos admitidos na Aldea de Verán 2026, que comeza o próximo 1 de xullo. Na relación figuran todas as solicitudes admitidas para a primeira quenda -a de xullo- e tamén a para as da segunda, a de agosto. As familias que detecten calquera erro ou que non figuren no listado malia teren solicitado o servizo teñen tres días hábiles para presentar calquera tipo de alegación (ata este xoves 25 de xuño, incluído). Superado ese período, e unha vez resoltas as posibles alegacións, a relación de solicitudes elevarase a definitiva e as familias terán outros tres días para efectuar o pagamento do servizo. Cómpre lembrar, ademais, que o luns 29 de xuño abrirá un novo prazo de solicitude só para o mes de agosto.

O Concello recibiu un total de 43 solicitudes, moitas delas dobres (para xullo e agosto): 33 correspondentes a rapazada empadroada en San Sadurniño, outras 5 pertencentes a familias con vinculación laboral no noso concello, unha dunha crianza matriculada no CPI e outra petición sen ningún tipo de vinculación con San Sadurniño. Do cómputo total quedarían fóra tres peticións recibidas.

Horario de 8:00 a 15:00h Horario de 9:00 a 15:00h
1º membro da familia 110 € / 99 €* 80 € / 72 €*
2º membro da familia 75 € / 68 €* 50 € / 45 €*
3º membro da familia 45 € / 41 €* 30 € / 27€*

O 29 abre o segundo prazo de solcitudes
Se non hai alegacións, a lista definitiva de admisións para xullo e preadmisións para agosto elevarase a definitiva xa o venres.

De acordo co listado provisional, para o segundo mes do campamento de verán aínda quedarían  dispoñibles, en principio, 16 vacantes. Eses sitios libres na quenda de agosto poderán solicitarse entre as 09:00h do día 29 de xuño e as 14:00h do 10 de xullo, ben presencialmente ou ben a través da Sede Electrónica Municipal, onde figura o procedemento específico que estará activo durante ese período.

Share.