O voto por correo pode solicitarse ata o 8 de febreiro (incluído)

0

Galicia volverá ás urnas o próximo 18 de febreiro para elixir a composición do Parlamento autonómico. Unha cita adiantada para a que, desde hai uns días, xa se pode solicitar o voto por correo. O trámite pode facerse presencialmente ata o 8 de febreiro nas oficinas ou ben de maneira telemática se se dispón de certificado electrónico. Ademais, nas zonas rurais coma a nosa tamén se lle pode pedir directamente ao persoal de reparto. Para evitar confusións e problemas de última hora, é importante que na solicitude indiquemos o enderezo no que queremos que nos entreguen a documentación, que deberemos levar á oficina postal o 14 de febreiro como moi tarde. Tamén é importante ter en conta que unha vez que a Oficina do Censo Electoral acepta a nosa solicitude de voto por correo xa non é posible votar en urna, aínda que finalmente non utilizásemos a opción postal e aínda que o día das eleccións poidamos acudir á mesa que nos corresponda.  Por outra banda, as eleccións autonómicas tamén traen axustes na distribución das mesas de San Sadurniño: Igrexafeita e Ferreira compartirán colexio electoral na antiga escola indiana da Leiriña -en Ferreira-, e todos os núcleos de Naraío que ata agora votaban en Igrexafeita volverán facelo no local social da Veiga.

Os electores e electoras poden solicitar o seu voto a través da web de Correos, sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, a persoa interesada debe acreditar a súa identidade mediante firma electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e).

A solicitude de voto por correo pode realizarse en persoa en todas as oficinas de Correos de España. En zonas rurais coma a nosa tamén se pode cursar a través do persoal de reparto. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade –acreditada mediante certificación médica oficial- que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso pode ser presentada en nome do elector ou electora por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente.

No momento de formular a solicitude, as persoas interesadas deben acreditar a súa identidade presentando ante o persoal da oficina postal o DNI, Pasaporte ou carné de conducir orixinais. Co obxectivo de axilizar os trámites e evitar esperas, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da app, a web de Correos ou a Oficina Virtual. Para iso o elector ou electora tan só debe seleccionar a oficina dispoñible que teña cita previa e, por último, elixir o día e a hora que máis lle conveñan.

Correos entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral en Galicia, quen enviará ás persoas solicitantes, a partir do 29 de xaneiro de 2024, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo. Lémbrase ás persoas que soliciten o voto por correo que esa documentación recibirana na dirección que indiquen na solicitude, que non ten por que coincidir co seu domicilio habitual. O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 14 de febreiro de 2024.

Cambios nas mesas de San Sadurniño
As eleccións autonómicas do 18 de febreiro implicarán un importante cambio en San Sadurniño, coa desaparición, tras case 50 anos de constitucionalismo, da mesa de Igrexafeita. Malia os axustes dos últimos comicios -nos que se engadiron zonas limítrofes de Naraío- a mesa non chega ao mínimo de 200 electores e electoras e, por este motivo, o INE solicitoulle ao Concello que propuxese unha redistribución da sección.

Os cambios afectaranlle principalmente a Igrexafeita e Ferreira, xa que ambas parroquias deberán votar na antiga escola da Leiriña (Ferreira). Por outra banda, os núcleos da zona alta de Naraío -as Nabeiras, A Fraguela, Vilarxá…- que antes votaban en Igrexafeita, agora volverán votar no local social da Veiga.

Share.