O Concello licita a reparación da ponte do Pozo de Lamas

0

O pontigo do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, é o principal punto de acceso aos terreos situados na ribeira sur do río Castro, ademais de ser a única maneira de entrar na área recreativa situada uns metros máis abaixo. A súa estrutura viuse afectada por anos de riadas que non só provocaron o debilitamento da construción, senón que tamén comeron boa parte do terreo circundante deixando á vista grandes rochedos e facendo practicamente imposible o paso de tractores e outra maquinaria necesaria para os labores agrícolas e forestais. Por esta razón o Concello preparou un proxecto de rehabilitación cuantificado en algo máis de 44.000 euros que se agarda executar antes da chegada dun novo inverno. A licitación das obras figura na plataforma de contratación co sector público cun prazo de presentación de ofertas que finalizará ás 23:59h do próximo 14 de setembro.

O proxecto deseñouse xa a principios deste ano a instancias dunha solicitude veciñal presentada no proceso do Orzamento Participativo. Porén, antes de licitalo, o Concello tivo que tramitar as correspondentes autorizacións perante Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, nun caso por tratarse dunha obra que lle afecta á conca dun río e no outro por tratarse dunha zona pertencente ao LIC Xubia-Castro, incluído en Rede Natura 2000. Ademais tamén foi necesario pedir informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de cara a asegurar a súa correcta integración na paisaxe.

A antiga ponte de pedra e cemento encóntrase neste momento seriamente danada por mor de décadas sen mantemento e polo envite constante da auga nese punto, que coincide coa confluencia do rego de María Queira. E é que, a pouco que chova, o regacho que nace nas brañas do  Forgoselo baixa con grande forza unindo as súas augas ás do Castro xusto ao pé da pequena ponte de dous ollos, incapaz de evacuar o caudal. O resultado é que o río reborda e asolaga os terreos da ribeira sur, arrastrando coa enchente a cobertura vexetal e os materiais que ata non hai moito tempo facían de rampa lateral da ponte. O problema repítese todos os invernos, incluso nos de seca, e acentúase cando a auga represa nas moreas de pólas e árbores secas que quedan atrancadas no piar central do paso.

Así as cousas, o proxecto municipal ten previsto refacer a ponte conservando os dous soportes principais, pero retirando o punto de apoio central -o pontigo quedará cun só ollo- e instalando un novo taboleiro de formigón armado de 3,40 metros de ancho dotado con varandas metálicas.

Ademais tamén se adaptarán as cotas dos camiños de entrada e saída, no primeiro dos tramos cun firme asfáltico e no segundo estendendo saburra sobre un empedrado de escolleira que actuará como muro de contención. Esta parte, que conecta coa área recreativa, levará un ancho de 4,5 metros e sosterase sobre unha estrutura filtrante que, ademais, levará na parte inferior unha tubaxe de desaugado.

O alcalde, Secundino García, apunta que a reparación da ponte “é unha demanda que fixo a veciñanza de Igrexafeita en varias asembleas do Orzamento participativo. Este ano incluímola no Plan Complementario do POS+ e unha vez que se confirmou o financiamento provincial iniciamos os trámites de contratación, con idea de que a obra poida facerse no outono e en todo caso antes da chegada dos meses máis duros do inverno”.

O rexedor destaca que o proxecto vén solucionar o acceso aos montes e fincas que hai na beira sur do río, “a onde non se podía chegar cun tractor por culpa do mal estado da ponte”. García Casal engade que a obra “tamén mellorará o acceso con seguridade á área recreativa, necesario para os labores de mantemento e para a xente que vai desfrutar dese espazo ao pé do Castro”.

O investimento está cuantificado en 44.034,82 euros, IVE incluído. As empresas interesadas en presentar ofertas teñen de prazo ata as 23:59h do día 14 de setembro. As licitacións deben facerse por vía electrónica.

Share.