Como podemos axudarlle ao pobo ucraíno?

0

Os concellos galegos e a cidadanía en xeral reaccionaron á guerra en Ucraína cunha gran onda de solidariedade desde o primeiro minuto. No entanto, pese á situación de emerxencia que as organizacións presentes na zona xa están a paliar, cómpre reflexionar sobre o mellor xeito de apoiar a poboación local e as persoas desprazadas, tanto nestes momentos como nos que poidan vir nun futuro imposible de predicir. Neste senso, o Concello de San Sadurniño aconsella seguir as recomendacións consensuadas hai escasos días nun encontro entre a Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, a Fegamp, a Coordinadora Galega de ONGD e outras entidades especializadas, entre elas o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na web do Fondo está publicada a guía para canalizar a axuda ao pobo ucraíno da maneira máis axeitada e efectiva:

  • Paralizar as doazóns de bens en especie, dado que se está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. Por tanto, se algún concello ou deputación ten en marcha algunha campaña de recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade a mellor opción será gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia.  A Dirección Xeral de Relacións exteriores e coa Unión Europea, responsable de canalizar a axuda humanitaria desde Galicia en coordinación coas autoridades estatais, realizará un inventario dos almacéns que xa existen para estudar se é preciso enviar parte dos produtos máis adiante, reservalos para as persoas refuxiadas que cheguen a Galicia ou darlle saída a través doutro tipo de entidades.
  • Os concellos deberán rexistrar as vivendas dispoñibles para acoller poboación refuxiada a través do formulario habilitado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste senso, a prioridade son solucións habitacionais de titularidade pública, ou en todo caso vivendas privadas, e non espazos compartidos con familias galegas. Descártanse as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
  • Non facer envíos de materiais por conta propia. É unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais desde a nosa localidade ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil. Recordade que o persoal dunha ONGD que traballa en contexto de conflito armado ten unha formación específica para operar fronte emerxencias humanitarias, non son simples persoas voluntarias motivadas polos acontecementos, senón que son profesionais con cualificación. A nosa boa vontade pode entorpecer o seu traballo. Non subestimemos a profesión das e dos cooperantes.
  • En ningún caso ir en busca de persoas para traer á nosa localidade. E moito menos se se trata de menores. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes e non podemos sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para materialización da acollida, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas. Recordade que se trata de persoas en situación de vulnerabilidade, polo que as entidades e autoridades responsables se encargarán de velar polos seus dereitos.

Desde o Concello de San Sadurniño faise un chamamento á calma e á orde. Está producíndose unha grande corrente de solidariedade entre a veciñanza e os concellos galegos coa intención de colaborar co pobo ucraíno, mais cómpre facelo de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das Administracións públicas competentes e das ONG expertas, para non entorpecer a materialización da axuda.

É imposible predicir canto vai durar a actual situación, na que o número de persoas desprazadas fuxindo da guerra se conta por centos de miles a cada día que pasa. A ACNUR calcula que nestes momentos hai 2 millóns de persoas refuxiadas nos países veciños e que outros 4 millóns poderían verse obrigadas a escapar se a situación se agrava.

Ademais, a axencia dependente das Nacións Unidas tamén estima que arredor de 12 millóns de persoas dentro do país poderían precisar axuda humanitaria.  Por este motivo, desde as Administracións públicas prégase atender as recomendacións sobre a mellor maneira de axudar, dado que o desastre humanitario pode ir a peor e manterse durante moito tempo.

Share.