Convocatoria autonómica coa que se busca apoiar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xullo de 2024 e a data da presentación da solicitude.
Persoas beneficiarias: Persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas e que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023.
Conceptos subvencionables: Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023. En concreto:
1º. Equipamento informático.
2º. Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
3º. Investimentos en eficiencia enerxética.
4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
6º. Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).
7º. Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).
8º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os determinados requisitos.
Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos.
Prazo de solicitude: dende o 21/05/2025 ata o 30/06/2025. As axudas non son en concorrencia competitiva, senón que se irán resolvendo por orde de entrada no rexistro da Xunta ata o esgotamento do crédito.
Cantidade: A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
b) Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
No suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender teña a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente, a porcentaxe de intensidade en función do rango de investimento total realizado establecida neste artigo incrementarase nun 10%.