O Boletín Oficial do Estado do 15 de xuño publicou o anuncio do Ministerio de Política Territorial e Función Pública mediante o que se somete a información pública tanto o estudo de impacto ambiental como a solicitude de autorización administrativa previa para o parque eólico Caaveiro, que lle afectaría aos concellos de San Sadurniño, Cabanas, Fene e Neda, ademais de aos da Capela e As Pontes.
O proxecto, de 78 MW, contempla a instalación de 14 aeroxeradores (máis un de reserva) distribuídos polos catro municipios, dos cales 5 -todos cunha altura próxima aos 200 metros- irían na zona do monte da Louseira, na Cortella, no entorno da Penamoura e tamén preto das Cancelas, en Naraío.
(INFORMACIÓN ACTUALIZADA O 26/07/2021): A publicación do anuncio marca un prazo de 30 días hábiles para presentar alegacións. O trámite haberá que facelo perante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. Porén, o inicio do prazo debe contarse desde o última publicación nun diario oficial, que até o momento foi a do Boletín Oficial da Provincia do 23 de xuño. Deste modo, o último día sería o 4 de agosto. Á información dispoñible sobre o proxecto pode accederse desde esta ligazón.
Dado que o prazo de consulta e alegación é tan reducido -e a documentación tan complexa- o Concello decidiu poñer en marcha unha oficina de asesoramento legal e de preparación de alegacións para que a veciñanza poida defender os seus dereitos.
O servizo prestarase de forma gratuíta no local social de Naraío o 19 e o 20 de xullo en horario de 16.00 a 21.00h -con posibilidade de amplialo máis días se fose necesario-, facilitando desta maneira que calquera persoa poida confeccionar con axuda especializada alegacións de tipo xeral ou ben adaptadas ao seu caso particular, como poden ser afeccións a vivendas, explotacións agrogandeiras ou acuíferos. O propio servizo será despois quen se encargue de rexistrar todos os escritos con destino á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.
Os modelos xenéricos de alegacións en formato .pdf, .odt e .docx para cubrir e asinar directamente ou para que calquera poida modificalos antes de presentalos.
Quen teña certificado electrónico pode rexistrar as alegacións desde a casa en calquera momento dentro do prazo -a maneira máis rápida e cómoda de facelo- a través desta ligazón: https://rec.redsara.es/registro/. No campo “Organismo destinatario” debe introducirse o código E05024601, correspondente á “Subdelegación del Gobierno en A Coruña – Área Func. de Industria y Energía”, organismo ao que deben dirixirse todas as alegacións.
Bando informativo sobre o servizo de asesoramento
Anuncio do BOE sobre exposición pública (15/06/2021)
Anuncio publicado no BOP do 23/06/2021, o que se debe ter en conta a efectos de prazo de alegacións
Acceso á documentación completa do P.E. Caaveiro