Publicado o plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (PR487A). Este plan ofrece axudas específicas para investimentos que teñan a finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e a fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.
Persoas beneficiarias: As asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no Rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Actuacións subvencionables:
- Liña para obras: As obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade, e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
- Liña para equipamento: A adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual, e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
Prazo de solicitude: ata o 20/04/2026.
Cantidade: A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2).