Ata o 13 de abril: Subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración para o ano 2026 (TU503A)

0

Convocadas as subvencións para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración, ás que poderán acollerse as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda.

Son subvencionables os seguintes investimentos:

  • Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
  • Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
  • Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
  • Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
  • Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
  • Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
  • Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento. O investimento en equipamentos e telefonía móbil non poderá ser superior ao 5 % do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
  • Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

O investimento neto admitido será de ata 100.000,00 euros. Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.  

Gastos subvencionables

  • Os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
  • Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría…).

d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

e) Gastos de conectividade.

f) Activos adquiridos medianteleasingou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

Prazo de solicitude: ata o 13/04/2026.

Cantidades: Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 60 % sobre o orzamento do investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 60.000,00 euros. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a continuación. As solicitudes cunha puntuación inferior a 40 puntos non poderán obter subvención.:

Puntos % axuda
80-100 60 %
60-79 50 %
40-59 40 %

Ligazón á convocatoria

Share.