As entidades culturais e veciñais poden solicitar desde mañá as axudas da Deputación para actividade e investimentos

0

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe os extractos de varias liñas de axuda dirixidas a colectivos, cuxas bases xa saíran de forma íntegra o pasado 24 de xaneiro. O anuncio de hoxe refírese á inscrición das convocatorias na Base de Datos Nacional de Subvencións, último trámite obrigatorio para poder abrir o prazo de solicitude, que comezará este mércores 2 de febreiro e que rematará ás 14:00h do venres 4 de marzo. Hai varias axudas, pero quizais as que máis repercusión poden ter no tecido asociativo local son as orientadas por unha banda ao desenvolvemento de actividades e por outra á realización de investimentos. Ambas liñas son compatibles entre si e tamén o serán coa próxima convocatoria de axudas para o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas. Todas elas deberán pedirse e xustificarse despois a través da plataforma electrónica SUBTEL da Deputación da Coruña.

A primeira das convocatorias é o programa FO203/2022 para entidades sen ánimo de lucro –asociacións veciñais, culturais, ANPA’s e colectivos de tipo social e/ou asistencial– de cara a financiarlles as actividades artísticas e culturais que vaian levar a cabo durante este ano.

Como exemplo cítanse as de edición e difusión de contidos culturais; os ciclos, certames, xornadas, concertos e presentacións; o desenvolvemento de traballos e actividades culturais de investigación, formación, análise ou debate; os proxectos de apoio á creación, como residencias artísticas ou a convocatoria de bolsas; os proxectos socioculturais ou de recuperación da historia e a memoria local; a posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial; as iniciativas que melloren o rendemento e as competencias educativas en colaboración cos centros de ensino (este apartado refírese ás ANPA’s); os eventos e festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas se a súa programación é con grupos non profesionais ou, se o son, sempre cun importe total do programa por debaixo dos 10.000 euros.

Dentro dese financiamento poden incluirse compras de bens necesarios para o desenvolvemento das actividades -material funxible non inventariable-, as facturas de empresas que se encarguen de levalas a cabo, os arrendamentos e canons, o transporte concertado con terceiros en transporte público ou privado, os gastos de publicitar a actividade (carteis, catálogos, etc.), os soldos e salarios e os importes da Seguridade social que deba soportar a propia entidade, como é o caso dos derivados de contratar persoal de monitoraxe para a actividade concreta susceptible de ser subvencionada pola Deputación.

Non se financiarán, polo tanto, gastos xerais da entidade (persoal e gastos correntes), gastos de mantenza, aloxamento e atención protocolaria, os de material iventariable  -para iso é a outra convocatoria-, nin tampouco os gastos financeiros. Nas bases sinálase, ademais, o listado de cousas excluídas desta liña de axudas: actividades soltas ou illadas que non estean encadradas nun proxecto definido, as feiras históricas ou gastronómicas, as viaxes de lecer, as festas veciñais ou parroquiais, as actividades formativas que non estean vinculadas con contidos artísticos (non se financian cursos de mecanografía, manualidades, costura, cociña, informática…).

Tampouco entran na convocatoria as propostas deportivas, de promoción económica, de servizos sociais e de turismo, que xa contan con liñas específicas. Finaliza o apartado de citas non subvencionables precisando que non se poderán incluír as actuacións solicitadas dentro da Rede Cultural e os festivais de música, de escénicas, de bandas, de corais e de baile tradicional, por haber liñas de axuda provinciais con ese cometido.

O importe máximo que se poderá obter será como máximo do 80% do gasto subvencionable, con límites marcados para cada unha das catro modalidades: ata 30.000 euros para entidades de natureza cultural, ata 10.000 euros para asociacións veciñais, ata 10.000 euros para ANPA’s e 10.000 euros de tope para os colectivos de natureza social e/ou asistencial.

Axudas para investimentos
As anteriores cantidades son as mesmas que, como máximo, se poderán obter a través do programa FO204/2022 que se dirixe a financiar os investimentos culturais das entidades sen fins de lucro. Nesta liña poderán incluirse os gastos en equipamentos e moblaxe; a realización de reformas, ampliacións e melloras de inmobles de titulariedade da entidade solicitante e a compra de material de uso técnico e artístico vinculado ao desenvolvemento da programación das actividades.

Non se financian os investimentos que non se correspondan cun proxecto de actividade de carácter cultural, que terá que detallarse na correspondente memoria. Tampouco entran a compra ou construción de novos locais; a merca de vehículos; os equipamentos destinados a cafetarías, bufetes ou similares do local social; os investimentos deportivos, de promoción económica, de servizos sociais e de turismo; o investimento no patrimonio arquitectónico nin tampouco as obras en centros educativos e en locais propiedade da Igrexa ou asociacións de culto relixioso.

Tanto esta como a liña para actividades culturais pode solicitarse desde este mércores 2 de febreiro até o venres 4 de marzo. O trámite debe facerse a través da plataforma SUBTEL da Deputación, onde xa aparecen as pestanas correspondentes a cada convocatoria xunto coas follas que haberá que cubrir e presentar por vía electrónica.

Share.