¿Animádesvos a ir a pé á romaría da O?

0

Quizais sexa por proximidade xeográfica, quizais por cuestión de longa tradición, se cadra porque sempre houbo unha relación moi estreita coa xente de Pedroso… o certo é que a capela da O e a súa romaxe se sinten en San Sadurniño como algo propio. Cóntanse por ducias as persoas do noso municipio que nunca fallan á cita do segundo domingo de maio. Desde hai algúns anos organízanse rutas “oficiais” a pé con destino ao santuario e, nesta ocasión, hai unha máis: a que sairá do cruzamento do Eirexado, en Naraío, ás 10.30h. promovida pola asociación de veciños. Non é necesario inscribirse, abonda con estar alí á hora para percorrer un camiño que confluirá no Muíño de Pedroso coas peregrinaxes procedentes do Couto e máis do Val.

Este é o cuarto ano en que O Castelo organiza a súa camiñada á O, co obxectivo de cumprir a pé coa tradición, tal e como se facía ata non hai tanto tempo. A ruta é doada para calquera idade xa que discorre por camiño chan bordeando primeiro a estrada que discorre paralela ao río Castro e despois un pequeno tramo das pistas que flanquean o Xubia. Un trazado que, sen moita présa, pode completarse en pouco máis dunha hora.

A saída fixouse para o domingo ás 10.30h. do lugar do Eirexado, xusto ao carón da igrexa de Naraío. A asociación indica que non se precisa inscrición, aínda que durante os últimos días si mantivo aberta unha lista para apuntar participantes que quixesen obter unha certificación diocesana conforme fixeron a pé a peregrinación ata Pedroso. Recoméndase levar roupa cómoda -especialmente o calzado-, algo de beber e chaleco reflectante.

A ruta irá por Cabanas, Liñares, Os Tortos e A Cabrita, onde collerá rumbo á área recreativa do Muíño de Pedroso. Se se mantén a previsión horaria, alí chegarase sobre as 11.15 ou 11.20h. A idea da comisión de festas e da asociación Virxe da O é que se reunan nese lugar tanto o grupo de Naraío como os que veñen desde San Martiño do Couto e do Val para emprender xuntos o traxecto final que rematará no local social da Pombiña cara ao mediodía. Unha vez alí os romeiros e romeiras uniranse á procesión encabezada polos bolos de pan que se poxarán xusto despois da misa campestre das 13.00h.

A sesión vermú estará animada polo grupo pontés de música tradicional No Cómbaro e ao redor da capela haberá sitio de sobra onde xantar a cuberto, ben de merendada ou ben na carpa da organización, onde se ofrece un menú a base de churrasco por 15 euros. Pola tarde, a partir das 17.00h., actuarán as escolas de baile e música do Padroado de Cultura do Concello de Narón, haberá xogos populares e, se o tempo o permite, tamén un bautismo de aeromodelismo na pista de voo que hai preto da festa.

Share.