Ana Belén Breixo: “Somos mulleres, mulleres fortes, e imos seguir loitando para conseguir todo o que nos propoñamos”

0

Ninguén contaba, salvo quen xa o sabían, con que Ana Belén Breixo Gundín anunciaría onte á tarde no acto central do 8M a súa despedida do Concello tras máis dunha década de labor intenso e incansable á fronte da Concellaría de Igualdade. Ana gardou a sorpresa para o final dunha celebración na que houbo cine, música, un oco para a solidariedade e, nese último momento, tamén instantes de emoción liberada e de agradecemento para quen a acompañaron no Goberno local nestes anos, pero  sobre todo para a veciñanza de San Sadurniño “que sempre me fixo sentir moi querida, moito”. A xa exconcelleira  pecha ciclo no Concello para centrarse máis na familia e na libraría que rexenta desde hai xusto un ano, a única que hai en San Sadurniño e arredores. Porén, Ana Belén non dixo adeus, senón que deixou no aire  algo parecido a un ata logo que lle dea tempo de “recargar pilas para máis adiante” sen que iso signifique renunciar ao seu activismo político e feminista.

E é que, segundo dixo na despedida, “somos mulleres, as mulleres somos fortes e as mulleres podemos. Imos seguir loitando para conseguir todo o que nos propoñamos, e acabaremos conseguindo a igualdade real”. A primeira frase é un lema compartido por Ana Belén e as súas fillas desde que hai oito anos iniciaron vida nova. Un lema que ela transcribiu nas etiquetas das bolsiñas de galletas coas que onte agasallou ás persoas que acudiron á clausura dos actos co gallo do #8M. Por certo, galletas elaboradas artesanalmente por Lucía Tuimil García, unha moza de Lamas que en breve abrirá o seu propio obrador. “Unha das cousas que sempre fixen foi apostar pola xente nova e sobre todo polas mulleres emprendedoras”, comentou Ana Belén antes de repartir o pequeno e saboroso detalle, contrapunto doce de tanta emoción que se acababa de vivir na Casa da Cultura.

O anuncio público da súa retirada como concelleira fíxoo ao remate dun encontro que se prolongou durante hora e media e que arrancou coa música da frautista local Erika González e a presentación dos chaveiros solidarios fabricados polas Lolas da Cascarilla e varias mulleres de Lamas nun obradoiro de Tempos para compartir que tivo lugar na parroquia o pasado mes de novembro, con motivo do Día Internacional da erradicación da violencia contra as mulleres.

Os chaveiros, feitos con madeira e plana de millo vernizada, poden mercarse desde hoxe en varios comercios de San Sadurniño ao prezo simbólico de 3€. Todo o que se recade irá destinado  ao Fondo de Becas Fiscal Soledad Cazorla Prieto -na que participan, entre outras, a Fundación Mujeres– como entidade que traballa apoiando a fillas e fillos orfos de vítimas da violencia machista.

Trala presentación da iniciativa, o programa do acto central do #8M deulle paso á proxección do documental “Nación”, dirixido por Margarita Ledo. A película levou numerosos premios -entre eles o Mestre Mateo 2021 ao mellor audiovisual na súa categoría- poñendo o foco sobre as traballadoras de Cerámica Pontesa, parte do malogrado Grupo de Empresas Álvarez que nos anos 60, 70 e 80 foi un dos principais motores económicos da área de Vigo.

E logo, xa si, chegou a despedida. Ana Belén meditou durante tempo unha decisión que era coñecida desde hai semanas polo alcalde, o grupo de goberno e o seu entorno máis próximo. Subida no escenario pronunciou o seu ata logo coa voz rota e os ollos alagados en bágoas. Non era para menos. Foron case once anos de traballo constante á fronte dunha concellaría que se converteu en referente dentro e fóra da comarca por iniciativas tan novidosas como o programa Tempos para compartir, polo labor desenvolvido entre a veciñanza a prol dunha igualdade plena -sobre todo con rapazada e mocidade, en colaboración co CPI-, por estar detrás do impulso á escola infantil municipal ou pola aplicación dos sucesivos Plans de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, que en breve entrarán nunha nova fase. Ademais, Breixo tamén veu representando ao Concello desde 2019 no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organismo no que ocupaba a vicepresidencia e que, segundo asegurou, foi para ela “unha grande aprendizaxe e unha experiencia persoal inesquecible”.

“Botarei de menos moitas cousas”, dixo Ana Belén, agradecéndolle ao Grupo de goberno e á veciñanza “todos estes anos aturándome  de concelleira. Sentinme moi querida por todas as persoas do concello, moito. Ides terme aí para o que queirades e o meu teléfono vai seguir estando aí para todas e todos vós”.

Agora, xa sen ansia polo día a día do Concello, Ana Belén poderá dedicarse a tempo completo a ese novo modelo de libraría do rural que está levando á práctica en Brétema, negocio que rexenta desde que hai xusto un ano Luisa e Chano, os seus fundadores, lle pasasen o testemuño. Como dixo Secundino García, “é máis que unha tenda de libros, é un espazo cultural e toda unha honra para San Sadurniño”.

O rexedor volveulle os agradecementos á ata hoxe responsable municipal de Igualdade. “Coñecina en 2007 e entrou no Concello en 2011. Persoas coma Ana, coa súa entrega, non se encontran todos os días. Foi unha honra traballar con ela e espero que sexa un punto e seguido”.

A renuncia de Ana Belén Breixo Gundín será tomada en coñecemento polo pleno municipal que se celebrará este xoves á tardiña en sesión ordinaria. O paso implica tamén solicitar da Xunta Electoral que se inicie o procedemento para a entrada de Araceli Bellas, nº8 da candidatura coa que o BNG concorreu ás municipais de 2019.

Share.