A Feira Rural nunca defrauda, nin sequera cando chove

0

A XVII Feira Rural de San Sadurniño botou o peche esta tarde despois dunha intensa xornada na que a chuvia acabou sendo a principal protagonista. A auga condicionou a afluencia de público, especialmente a partir do mediodía, pero non impediu que a feira mantivese un bo ambiente nin que os postos rexistrasen un volume de vendas razoable, tendo en conta as circunstancias. O Goberno local fai, así, un balance positivo da xornada, destacando especialmente a resposta do público ás actividades programadas. Entre elas sobresaíron os dous encontros coa creadora de contido sobre o rural Nuska Chousa, que congregaron unha boa presada de persoas tanto pola mañá como pola tarde. Esta actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña.

Un dos clásicos da Feira Rural volveu ser o Concurso da Froita Autóctona, organizado conxuntamente pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e o Concello. A exposición reuniu este ano 84 cestillos de de mazás, peras, pexegos, claudias e outras variedades, todas soberbias polo seu tamaño como polo excelente estado de maduración. Precisamente, a calor fóra do común que houbo este verán fixo que a colleita chegase este ano algo adiantada.

No concurso propiamente dito participaron 27 lotes que optaban aos tres premios establecidos, consistentes en produto local da Fusquenlla e de marcas acollidas ao distintivo de calidade do Xeoparque Cabo Ortegal, KB0. O primeiro premio foi para un lote de Mazá da Sega presentado por Brais Varela, de Naraío; o segundo correspondeu a un cesto de mazá “Oleirón” cultivada en Doso por María Pico; e o terceiro foi para un lote de peras Manteiga Escura traídas desde Oleiros por María Taibo.

Precisamente os produtos da Fusquenlla e das marcas amparadas por KB0 estiveron moi presentes durante toda a xornada. Formaron parte da ducia de cestas de produto sorteadas entre o público, seis ao mediodía e outras seis pouco antes da clausura da feira, e tamén puideron atoparse nos distintos puntos de venda, sobre todo no posto da iniciativa A Fusquenlla, un dos que mellor funcionamento tivo ao longo do día dentro das circunstancias climatolóxicas.

Susana Trastoy, unha das persoas encargadas do expositor, explicou que os produtos,  sobre todo as marmeladas e os zumes, tiveron moi boa saída, aínda que as vendas se concentraron principalmente durante a mañá. O posto serviu tamén para dar a coñecer o propio proxecto, xa que foron numerosas as persoas que se interesaron pola iniciativa, levaron folletos informativos e preguntaron polo seu funcionamento. “Incluso catro persoas pediron o formulario para preinscribirse no curso de capacitación necesario para poder converterse en usuarias da Fusquenlla”, comenta Trastoy.

A oferta da feira completouse con produtos da horta, lácteos, pan e doces, xunto con artesanía, ferramentas, maquinaria e artigos de segunda man, unha mostra de rochas do Xeoparque e incluso coa entrega gratuíta de libros procedentes do último expurgo bibliográfico da Biblioteca Municipal. E tamén con música: na primeira metade do día coa Charanga Alxibeira e na segunda cunha exquisita actuación das pandereteiras da mesma agrupación naronesa.

Pero se houbo unha actividade que concentrou especialmente a atención foi a protagonizada por Nuska Chousa, creadora de contido que acumula máis de 350.000 persoas seguidoras nas redes sociais cos seus vídeos sobre agricultura e vida no rural. Ao longo da xornada tivo que parar en numerosas ocasións para fotografarse con persoas seguidoras de todas as idades e tanto a charla que ofreceu pola mañá como a da tarde reuniron numeroso público, ata o punto de que o espazo que se lle reservara na carpa principal lle quedou pequeno.

Nos dous encontros, Nuska falou dunha maneira de entender o cultivo da terra baseada nos coñecementos e prácticas transmitidos durante xeracións, pero incorporando tamén os coñecementos dos que dispoñemos hoxe. Unha forma de facer agricultura que procura manter o equilibrio da terra, das plantas e doutros organismos e que, como apuntou durante as charlas, hoxe recibe etiquetas como “ecolóxica” ou “sustentable”, aínda que na realidade bebe de moitos dos saberes tradicionais que sempre estiveron presentes no rural.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, valorou positivamente o resultado da xornada, especialmente tendo en conta a meteoroloxía. A mañá, segundo explicou, contou cunha afluencia “máis que razoable”, pero a chegada da chuvia ao mediodía fixo que a presenza de público diminuíse. “É unha feira e non todos os anos van ser fabulosos no climatolóxico”, engadiu.

En canto ás vendas, o responsable municipal sinalou que o balance trasladado polos postos foi tamén razoable, tendo en conta as condicións da xornada. “Hai feiras que saen mellor e outras peor” dixo, en alusión a que as vendedoras e vendedores “entenden o que é o mal tempo” e, malia a chuvia, “foron vendendo”. Varela tamén se referiu ao balance das actividades: desenvolvéronse as visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos e ao colmear didáctico, houbo degustacións e tamén tivo lugar, anque deslucido pola auga, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro. Porén, o concelleiro quixo destacar o “éxito” dos encontros con Nuska Chousa, tanto pola resposta e a participación do público como pola coincidencia entre o seu discurso e o espírito da Feira Rural: “O discurso que ela ten encaixa perfectamente coa filosofía da nosa feira”.

Máis cousas mañá
A actividade da fin de semana, en todo caso, non remata coa clausura da XVII Feira Rural. Mañá domingo, o mesmo espazo da Cortiña volverá acoller actividade coa celebración da  Romaría da Cortiña, organizada pola Asociación ConcienciArte.

E tamén mañá, pero no ámbito deportivo, San Sadurniño vivirá outro dos clásicos do calendario local. Ás 18:30 horas, o campo da Veiga, en Naraío, será escenario do XXXII Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño, que enfrontará á UDC Narahío, anfitrioa do encontro, co seu eterno rival, o CF San Sadurniño.

O partido porá cara a cara  aos dous equipos do concello nun derbi que esta temporada non se repetirán, posto que o Sansa estará unha categoría por riba do equipo amarelo.

Share.