A Feira Rural nunca defrauda, nin sequera cando chove

0

A XVII Feira Rural de San Sadurniño botou o peche esta tarde despois dunha intensa xornada na que a chuvia acabou sendo a principal protagonista. A auga condicionou a afluencia de público, especialmente a partir do mediodía, pero non impediu que a feira mantivese un bo ambiente nin que os postos rexistrasen un volume de vendas razoable, tendo en conta as circunstancias. O Goberno local fai, así, un balance positivo da xornada, destacando especialmente a resposta do público ás actividades programadas. Entre elas sobresaíron os dous encontros coa creadora de contido sobre o rural Nuska Chousa, que congregaron unha boa presada de persoas tanto pola mañá como pola tarde.

Un dos clásicos da Feira Rural volveu ser o Concurso da Froita Autóctona, organizado conxuntamente pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e o Concello. A exposición reuniu este ano 84 cestillos de de mazás, peras, pexegos, claudias e outras variedades, todas soberbias polo seu tamaño como polo excelente estado de maduración. Precisamente, a calor fóra do común que houbo este verán fixo que a colleita chegase este ano algo adiantada.

No concurso propiamente dito participaron 27 lotes que optaban aos tres premios establecidos, consistentes en produto local da Fusquenlla e de marcas acollidas ao distintivo de calidade do Xeoparque Cabo Ortegal, KB0. O primeiro premio foi para un lote de Mazá da Sega presentado por Brais Varela, de Naraío; o segundo correspondeu a un cesto de mazá “Oleirón” cultivada en Doso por María Pico; e o terceiro foi para un lote de peras Manteiga Escura traídas desde Oleiros por María Taibo.

Precisamente os produtos da Fusquenlla e das marcas amparadas por KB0 estiveron moi presentes durante toda a xornada. Formaron parte da ducia de cestas de produto sorteadas entre o público, seis ao mediodía e outras seis pouco antes da clausura da feira, e tamén puideron atoparse nos distintos puntos de venda, sobre todo no posto da iniciativa A Fusquenlla, un dos que mellor funcionamento tivo ao longo do día dentro das circunstancias climatolóxicas.

Susana Trastoy, unha das persoas encargadas do expositor, explicou que os produtos,  sobre todo as marmeladas e os zumes, tiveron moi boa saída, aínda que as vendas se concentraron principalmente durante a mañá. O posto serviu tamén para dar a coñecer o propio proxecto, xa que foron numerosas as persoas que se interesaron pola iniciativa, levaron folletos informativos e preguntaron polo seu funcionamento. “Incluso catro persoas pediron o formulario para preinscribirse no curso de capacitación necesario para poder converterse en usuarias da Fusquenlla”, comenta Trastoy.

A oferta da feira completouse con produtos da horta, lácteos, pan e doces, xunto con artesanía, ferramentas, maquinaria e artigos de segunda man, unha mostra de rochas do Xeoparque e incluso coa entrega gratuíta de libros procedentes do último expurgo bibliográfico da Biblioteca Municipal. E tamén con música: na primeira metade do día coa Charanga Alxibeira e na segunda cunha exquisita actuación das pandereteiras da mesma agrupación naronesa.

Pero se houbo unha actividade que concentrou especialmente a atención foi a protagonizada por Nuska Chousa, creadora de contido que acumula máis de 350.000 persoas seguidoras nas redes sociais cos seus vídeos sobre agricultura e vida no rural. Ao longo da xornada tivo que parar en numerosas ocasións para fotografarse con persoas seguidoras de todas as idades e tanto a charla que ofreceu pola mañá como a da tarde reuniron numeroso público, ata o punto de que o espazo que se lle reservara na carpa principal lle quedou pequeno.

Nos dous encontros, Nuska falou dunha maneira de entender o cultivo da terra baseada nos coñecementos e prácticas transmitidos durante xeracións, pero incorporando tamén os coñecementos dos que dispoñemos hoxe. Unha forma de facer agricultura que procura manter o equilibrio da terra, das plantas e doutros organismos e que, como apuntou durante as charlas, hoxe recibe etiquetas como “ecolóxica” ou “sustentable”, aínda que na realidade bebe de moitos dos saberes tradicionais que sempre estiveron presentes no rural.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, valorou positivamente o resultado da xornada, especialmente tendo en conta a meteoroloxía. A mañá, segundo explicou, contou cunha afluencia “máis que razoable”, pero a chegada da chuvia ao mediodía fixo que a presenza de público diminuíse. “É unha feira e non todos os anos van ser fabulosos no climatolóxico”, engadiu.

En canto ás vendas, o responsable municipal sinalou que o balance trasladado polos postos foi tamén razoable, tendo en conta as condicións da xornada. “Hai feiras que saen mellor e outras peor” dixo, en alusión a que as vendedoras e vendedores “entenden o que é o mal tempo” e, malia a chuvia, “foron vendendo”. Varela tamén se referiu ao balance das actividades: desenvolvéronse as visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos e ao colmear didáctico, houbo degustacións e tamén tivo lugar, anque deslucido pola auga, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro. Porén, o concelleiro quixo destacar o “éxito” dos encontros con Nuska Chousa, tanto pola resposta e a participación do público como pola coincidencia entre o seu discurso e o espírito da Feira Rural: “O discurso que ela ten encaixa perfectamente coa filosofía da nosa feira”.

Máis cousas mañá
A actividade da fin de semana, en todo caso, non remata coa clausura da XVII Feira Rural. Mañá domingo, o mesmo espazo da Cortiña volverá acoller actividade coa celebración da  Romaría da Cortiña, organizada pola Asociación ConcienciArte.

E tamén mañá, pero no ámbito deportivo, San Sadurniño vivirá outro dos clásicos do calendario local. Ás 18:30 horas, o campo da Veiga, en Naraío, será escenario do XXXII Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño, que enfrontará á UDC Narahío, anfitrioa do encontro, co seu eterno rival, o CF San Sadurniño.

O partido porá cara a cara  aos dous equipos do concello nun derbi que esta temporada non se repetirán, posto que o Sansa estará unha categoría por riba do equipo amarelo.

Share.