O Concello convoca con carácter urxente unha praza temporal de traballador/a social

0

O Concello de San Sadurniño acaba de abrir o proceso selectivo para cubrir con carácter temporal e urxente unha praza de traballador ou traballadora social destinada á Área de Servizos Sociais. A convocatoria, publicada este martes 8 de setembro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), establece un prazo de tres días hábiles para presentar as solicitudes, que comezará a contar mañá, mércores 9, polo que permanecerá aberto ata o venres 11 de setembro. O posto é de xornada completa, grupo A2 e como persoal laboral temporal, no marco do financiamento do POS+ Adicional 01 da Deputación da Coruña. O proceso servirá ademais para crear unha bolsa de emprego coa que cubrir futuras necesidades temporais da mesma categoría no Concello.

A contratación responde ao incremento das necesidades de atención social básica, valoración, seguimento e intervención social no municipio, así como ao volume de tarefas asociado á xestión directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A persoa que ocupe o posto desenvolverá, entre outras funcións, tarefas de atención ao público, información e asesoramento, valoración e intervención social, elaboración de plans de intervención, xestión de prestacións e axudas e realización de visitas domiciliarias.

Tamén lle corresponderá participar na xestión do SAF e das prestacións relacionadas coa autonomía persoal e a dependencia, coordinarse co posto de Educador/a Familiar, atender e derivar situacións relacionadas coa violencia de xénero, xestionar o programa de emerxencia social e colaborar con outras entidades e institucións do ámbito do benestar. Entre as funcións recollidas nas bases figuran igualmente a coordinación da Escola Infantil Municipal e a xestión das axudas e bolsas municipais ao estudo e á conciliación.

Para poder presentarse ao proceso é necesario cumprir os requisitos xerais establecidos na normativa de emprego público de Galicia e, especificamente, estar en posesión do Grao ou Diplomatura en Traballo Social, ou titulación equivalente. Tamén se esixe acreditar o Celga 4 ou equivalente e dispoñer do permiso de conducir B. Estes requisitos deberán cumprirse no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o proceso.

O sistema de selección será o de concurso, cunha puntuación máxima de 50 puntos. Ata 30 puntos corresponderán á experiencia profesional, valorándose especialmente os servizos prestados no propio Concello de San Sadurniño en postos da mesma categoría e funcións. A experiencia noutras administracións públicas e no sector privado ou entidades sociais tamén será tida en conta, de acordo co baremo establecido nas bases.

Os 20 puntos restantes corresponden á formación específica e transversal relacionada coas funcións da praza, así como a materias como prevención de riscos, igualdade, ofimática, informática ou atención ao público. Os cursos deberán estar debidamente acreditados e indicar a súa duración en horas para poder ser valorados.

As instancias, dirixidas á Alcaldía, poderán presentarse no Rexistro do Concello de San Sadurniño ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Se a solicitude se presenta por unha vía distinta do Rexistro municipal, será necesario enviar ese mesmo día unha copia da instancia e da documentación ao enderezo correo@sansadurnino.gal.

A documentación que debe acompañar a solicitude inclúe a copia do DNI, da titulación universitaria e do permiso de conducir B, así como o xustificante do pagamento dos dereitos de exame, fixados en 32,30 euros para as prazas do grupo A2. Tamén se deberá achegar a relación de méritos alegados e a documentación acreditativa da experiencia e formación que se pretenda facer valer. As persoas que dispoñan do Celga 4 deberán achegar igualmente o certificado correspondente para quedar exentas da proba de galego.

As persoas que non acrediten o Celga 4 terán que realizar unha proba escrita de coñecemento da lingua galega, de carácter eliminatorio, cunha duración aproximada de 30 minutos e cualificación de apto ou non apto. Quedarán exentas da proba as que acrediten o nivel esixido.

Unha vez rematado o proceso, a persoa que obteña a maior puntuación e acredite o coñecemento do galego será proposta para o nomeamento como persoal laboral temporal. Ademais, quen superen o proceso quedarán integradas nunha bolsa de emprego ordenada por puntuación, que permitirá cubrir substitucións, rexeitamentos e outras necesidades temporais da mesma categoría que poidan xurdir no Concello.

Toda a información e os sucesivos anuncios relacionados coa convocatoria, incluídas as listas de persoas admitidas e excluídas, as datas das probas ou a valoración dos méritos, publicaranse no taboleiro de anuncios municipal e na páxina web do Concello. As bases completas da convocatoria poden consultarse no anuncio publicado no BOP deste martes 8 de setembro.

Corrección da base novena e retroacción do prazo de presentación de solicitudes (anuncio publicado no BOP do 16/09/2026)
Resolución co listado provisional persoas aspirantes admitidas e excluídas (publicación na web o 30/09/2026)

Share.