A exposición do proxecto “Hai que verse nelas!” preséntase este xoves ás 19:00h na praza Ramón Díaz Raña

0

As áreas de Benestar e Igualdade programaron para este xoves 12 de novembro, ás 19:00h, a presentación da exposición fotográfica “Hai que verse nelas!”, un proxecto colectivo que recolle as experiencias e os testemuños de sete mulleres de San Sadurniño, Moeche e As Pontes para reflexionar sobre a conquista dos dereitos, a igualdade e a importancia de preservar os avances sociais conseguidos nas últimas décadas. A mostra, impulsada polas cooperativas Arabías e Illa Bufarda coa colaboración da Asociación O Lavadoiro e dos concellos de San Sadurniño e As Pontes, é o resultado dun proceso participativo desenvolvido durante a pasada primavera. A presentación desenvolverase na praza Ramón Díaz Raña -se chovese, na Casa da Cultura- e servirá tamén como punto de partida da programación municipal arredor do 25N, que continuará este sábado coa representación da obra As formas do amor na Casa da Cultura.

“Hai que verse nelas!” naceu coa intención de poñer en valor as historias de mulleres que, desde distintos ámbitos e experiencias vitais, contribuíron e contribúen a transformar a sociedade e a abrir camiños cara á igualdade. O proxecto desenvolveuse entre marzo e xuño deste ano ao longo de trece sesións de traballo nas que un grupo de participantes se encargou de construír colectivamente unha exposición que combina fotografía e testemuños sonoros. A iniciativa contou co financiamento do Instituto das Mulleres e coa implicación das cooperativas Arabías, especializada en proxectos participativos relacionados cos feminismos e a igualdade, e Illa Bufarda, dedicada á creación audiovisual e á comunicación.

A exposición está formada por sete retratos deseñados como carteis electorais, un formato pensado desde moito antes da convocatoria das Eleccións Xerais. As imaxes móstranse acompañadas de códigos QR que permiten acceder aos relatos das súas protagonistas: Charo Cuba Penabad, Josefa Fernández Couce, Laura Díaz León, María del Carmen Calvo López, Maricarmen Otero González, Remedios Hernández Adega e Silvia Caffaro Napoli. A través das súas voces, o público poderá achegarse a vivencias relacionadas coa evolución dos dereitos das mulleres, coa participación na vida pública e coa importancia da democracia como garantía das liberdades. Entre os asuntos que abordan figuran tamén os recordos sobre a primeira vez que puideron exercer o dereito ao voto ou as consecuencias de vivir nunha sociedade na que ese dereito estaba limitado ou directamente negado.

Tal e como explican desde Arabías e Illa Bufarda, as historias teñen como fío condutor a igualdade, o feminismo e a necesidade de construír unha sociedade libre de violencias machistas. Máis alá dos grandes acontecementos históricos, a mostra reivindica o valor das pequenas loitas cotiás e o papel de mulleres que se converteron en referentes pola súa valentía, compromiso e capacidade para impulsar cambios na súa contorna. Os seus testemuños conteñen tamén unha mensaxe dirixida ás xeracións máis novas: os dereitos dos que gozamos na actualidade son froito de moitos anos de reivindicacións e esforzos colectivos, polo que cómpre coñecer a súa historia, defendelos e evitar que se produzan retrocesos.

O grupo encargado de dar forma á exposición estivo integrado por Lucía Ríos Dopico, Maca Rego Piñeiro, Silvia López Rodríguez, Raquel López Piñeiro, María Filgueiras García e Susana Vilaboi Cabarcos. Todas elas participaron nun proceso de creación compartida que buscou darlles protagonismo tanto ás mulleres retratadas como ás persoas que contribuíron a recoller e transmitir as súas historias.

Na presentación deste xoves intervirán representantes do Goberno municipal e das dúas cooperativas impulsoras, antes de cederlles a palabra ás protagonistas e creadoras da mostra, que explicarán o seu significado e os contidos. O acto comezará ás 19:00h na praza Ramón Díaz Raña e, en caso de choiva, trasladarase á Casa da Cultura. Está previsto que o proxecto se presente tamén nas Pontes antes de finalizar o ano e que tamén se mova polas distintas parroquias de San Sadurniño.

Arranque da programación do 25N

A presentación de “Hai que verse nelas!” fíxose cadrar nestas datas para marcar o inicio das actividades municipais con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha conmemoración que chama a atención sobre as distintas formas de violencia que sofren as mulleres e as nenas e sobre a necesidade de seguir traballando na prevención, na sensibilización e na defensa dunha igualdade real e efectiva.

Neste contexto, a seguinte cita será este sábado 14 de novembro, ás 19:30h, na Casa da Cultura, coa representación da peza teatral As formas do amor, que chega a San Sadurniño a través do programa Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello.

A obra propón unha viaxe polas emocións, os sentimentos e as distintas maneiras de entender o amor a partir da historia de dúas persoas que foron parella e viviron unha relación inesquecible. O paso do tempo e a posibilidade dun reencontro serven como punto de partida para reflexionar sobre os vínculos afectivos, as lembranzas e o significado que lle damos a iso que chamamos amor. A entrada é gratuíta e non fai falla reserva.

Share.