Cicel en man, un operario retirou esta mañá do lavadoiro do Chao de Lamas unha pequena lousa identificadora colocada na construción, datada en 1956, que contiña a expresión latina “Franco Fecit” e o símbolo coñecido como VICTOR, alusivo á vitoria do ditador na Guerra Civil. Tratábase do último elemento de exaltación da ditadura franquista que permanecía nun espazo público do municipio. A peza, de pequenas dimensións, formaba parte da propia identificación da obra e é un exemplo da maneira en que a propaganda do réxime se incorporaba tamén a equipamentos de uso cotián, mesmo nos lugares máis pequenos. A retirada da placa, ordenada polo Concello, encádrase no proxecto de recuperación da memoria histórica e de reparación das vítimas “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” e, ademais, vén darlle cumprimento á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática.
A inscrición “Franco Fecit” emprega unha fórmula latina que significa literalmente “Fíxoo Franco” ou “Feito por Franco”. A expresión procede dunha tradición moi antiga, utilizada na arte e na arquitectura para deixar constancia de quen realizaba ou promovía unha obra. O franquismo apropiouse dela para atribuír simbolicamente ao ditador as construcións e melloras -neste caso un lavadoiro- impulsadas polas administracións públicas durante a ditadura.
O outro elemento da lousa é o chamado VICTOR ou víctor, un emblema cunha historia anterior ao franquismo, pero que o bando golpista logo fixo seu para convertelo nunha representación da vitoria militar de Franco. Desde entón quedou asociado á figura do ditador e á exaltación da chamada “Victoria” de 1939.
A combinación das dúas referencias tiña unha intención claramente propagandística. A construción dun lavadoiro, dunha fonte, dunha escola ou doutra infraestrutura pública convertíase así nunha ocasión para facer visible a autoridade do novo Estado e transmitir a idea de que o progreso material das localidades era unha realización persoal do xefe da ditadura. A mensaxe política chegaba deste xeito a espazos moi próximos á vida diaria da veciñanza, máis alá dos edificios institucionais ou dos monumentos conmemorativos.
A presenza destas placas en construcións dos anos corenta, cincuenta e sesenta é unha mostra da extensión territorial que alcanzou esa linguaxe simbólica. Non eran simples placas informativas sobre a data ou a autoría dunha obra, senón elementos de exaltación política que vinculaban os equipamentos públicos coa vitoria dos sublevados e coa figura de Franco.
Quitar a placa do lavadoiro do Chao de Lamas significa eliminar esa presenza propagandística dun espazo de uso común, sen que iso implique perder a súa pegada documental para coñecer o contexto histórico no que se levantou o lavadoiro, nin moito menos esquecer aquel tempo de represión, medo e falla de liberdades.
A actuación enmárcase nos principios da lexislación de memoria democrática e, en particular, no artigo 35 da Lei 20/2022, do 19 de outubro, que considera contrarios á memoria democrática os escudos, placas, insignias e outros elementos situados en edificios públicos ou na vía pública que conteñan referencias de exaltación da sublevación militar, da ditadura ou dos seus dirixentes. A norma establece que as administracións públicas deben adoptar as medidas necesarias para a súa retirada.
A retirada da placa do lavadoiro do Chao de Lamas pon fin á presenza de símbolos de exaltación franquista nos espazos públicos de San Sadurniño. “Non se trata de borrar a historia nin de ocultar o pasado, senón xusto do contrario: de deixar de render homenaxe pública a quen impuxo unha ditadura mediante un golpe militar, a represión e a ausencia de liberdades”, explica o alcalde, Secundino García Casal.
O rexedor engade que manter este tipo de simboloxía que celebra a vitoria de Franco “é perpetuar unha mensaxe de sometemento que non ten lugar nunha sociedade democrática”, ao tempo que recalca que a súa retirada “é tamén unha forma de reparación e de respecto ás persoas que sufriron a represión franquista e ás xeracións que loitaron pola recuperación das liberdades”.
