Unha placa recordará no Concello ás persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936 e durante a ditadura

0

O Concello de San Sadurniño celebrará este sábado unha xornada de actos dedicada á memoria das persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936 e durante a ditadura franquista. O programa comezará ás 18:30h na Casa do Concello, co descubrimento dunha placa conmemorativa deseñada pola ceramista Carme Romero. A continuación, ás 19:00h, a Casa da Cultura acollerá unha charla centrada na historia local da primeira metade do século XX, con intervencións, proxeccións e unha presentación sobre o traballo de recuperación da memoria histórica que levaron a cabo o Concello e EMUGA -a asociación de emisoras de radio municipais galegas- ao abeiro do proxecto de investigación “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio”. Tanto o descubrimento da placa como a sesión posterior están abertos á participación da veciñanza.

A placa que se descubrirá na Casa do Concello pretende deixar constancia do recordo colectivo das persoas que sufriron a represión en San Sadurniño a partir de 1936 e nos anos posteriores. Trátase dunha peza cerámica policromada obra da artista plástica Carme Romero, quen esta mañá avanzaba, sen desvelar moito do deseño, que os motivos empregados no debuxo principal “son acaídos á temática e ao lema elixido polo Concello”.

A descuberta da placa no recibidor do antigo pazo será o primeiro dos actos dunha tarde na que, a partir das 19:00h na Casa da Cultura, se repasarán algúns episodios da historia local e o contexto social e político no que se produciron. Diso falará o historiador Roque Sanfiz, integrante do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecendo unha charla sobre a vida en San Sadurniño durante a primeira metade do século XX. A súa intervención abordará cuestións como a creación da sociedade agraria A Moralizadora, en 1909, o desenvolvemento do tecido asociativo da época e as consecuencias que tivo o golpe de Estado na vida das persoas e das organizacións locais.

A sesión incluirá tamén a proxección do documental Os fíos da memoria, centrado na busca de información emprendida polos familiares de Pedro Rico Rodeiro e Constantino López Marcos para reconstruír os sucesos acontecidos entre Monfero e Cabanas en 1947. Henrique Sanfiz Raposo, coordinador do proxecto, explicará os paralelismos e as diferenzas entre aqueles feitos e os que un ano despois, en 1948, acabaron coa vida de dous veciños de Naraío, vítimas dunha maquinaria de represión e terror implacable e incluso á marxe da lei do propio réxime.

Outro dos contidos da tarde será a presentación da novela gráfica A morte nas fragas, ilustrada polo debuxante Carlos Sardiña con guión de Anxos García Fonte. A publicación aborda episodios da represión franquista na contorna e contribúe a achegar esta parte da historia ás novas xeracións.

A morte nas fragas será tamén a obra para comentar no club de lectura que se reunirá este luns pola tarde na Biblioteca Municipal, coa asistencia da guionista e o debuxante.

Os actos forman parte do proxecto “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio”, que impulsa o Concello de San Sadurniño coa colaboración de Emisoras Municipais Galegas e o apoio da Deputación da Coruña. A iniciativa tivo esta semana outra das súas actividades no CPI de San Sadurniño, onde o mércores máis de 80 alumnos e alumnas participaron nun obradoiro de podcast sobre técnicas de entrevista aplicadas á recuperación da memoria histórica democrática. A sesión contou coa participación de Roque Sanfiz, Ana Santiago, de EMUGA, e a profesora Anxos García Fonte.

Share.