O Premio de Arte Gráfica Jesús Núñez chega este sábado a San Sadurniño acompañado dun obradoiro de gravado

0

O recibidor da Casa da Cultura de San Sadurniño exhibirá desde este sábado 14 de novembro ata o 1 de decembro unha exposición das obras seleccionadas para o XX Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, convocado por Cultura da Deputación da Coruña e a Fundación CIEC. A mostra achegaranos a distintas técnicas e propostas da creación gráfica contemporánea e virá acompañada dun obradoiro de iniciación ao gravado que se desenvolverá o mesmo sábado, entre as 17:00 e as 19:00 horas. A actividade está dirixida a persoas maiores de 12 anos e conta con só 12 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Para participar cómpre anotarse previamente chamando ao 616 332 919, enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou pasando directamente pola Casa da Cultura.

O Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez é unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña en recoñecemento á ampla traxectoria do artista que lle dá nome. O certame anual busca impulsar a creación artística no ámbito do gravado e doutras técnicas de reprodución gráfica, ademais de contribuír á difusión do traballo de artistas de distintas procedencias. A exposición que chega agora a San Sadurniño forma parte do programa itinerante co que a institución provincial achega estas creacións a diferentes concellos da provincia.

Na vixésima edición, o premio recaeu na artista catalá Regina Giménez pola súa obra Pensar un paisatge (2025), unha serigrafía de grande potencia visual na que destacan a frescura no emprego da cor e a combinación de formas aparentemente sinxelas cunha elaborada carga conceptual e simbólica. A peza propón unha reflexión sobre o papel das cores e das formas na representación gráfica da paisaxe, un dos temas recorrentes na produción artística da súa autora.

A selección de obras finalistas que permanecerá quince días na Casa da Cultura inclúe pezas de Tomás Pariente e Javier Agulló Rodríguez e ofrece unha panorámica das posibilidades expresivas da arte gráfica actual, na que conviven diferentes linguaxes, estilos e maneiras de entender a creación. A mostra permite descubrir como técnicas tradicionais vinculadas á estampación e á reprodución de imaxes seguen sendo ferramentas plenamente vixentes para a experimentación artística contemporánea.

Precisamente para facilitar un achegamento práctico a estas técnicas, a programación itinerante incorpora un obradoiro de iniciación ao gravado que se celebrará o sábado 14 de novembro, de 17:00 a 19:00h na propia Casa da Cultura. Nel, as persoas participantes poderán familiarizarse con esta disciplina artística, coñecer os seus principios básicos e achegarse ao proceso de creación de imaxes mediante técnicas de impresión por transferencia.

A actividade está aberta a maiores de 12 anos, aínda que a rapazada menor de 16 deberá asistir na compaña dunha persoa adulta. O número máximo de participantes será de 12 e as prazas asignaranse por orde de solicitude. Quen queira probar a experiencia ten que contactar co teléfono 616 332 919, do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal ou presencialmente na Casa da Cultura. Pola súa banda, a exposición do XX Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez permanecerá aberta ao público do 14 de novembro ao 1 de decembro. Durante ese tempo poderemos percorrer a colección  polas mañás de luns a venres e tamén polas tardes, nos horarios da biblioteca e doutras actividades que se desenvolven no centro cultural.

Share.