O Concello cataloga as especies dos seus espazos verdes

0

O Concello de San Sadurniño xa conta cun inventario detallado da flora presente nos terreos da súa titularidade, un traballo que identifica 75 especies diferentes e contabiliza 893 exemplares de árbores, arbustos e outras plantas, ademais de sebes e especies rastreiras. O estudo abrangue unha superficie aproximada de 4,5 hectáreas repartidas en doce parcelas e permite coñecer con precisión a diversidade vexetal existente nos principais espazos públicos municipais. Elaborado polo biólogo Álvaro Barros López entre abril e xuño de 2026, o documento ofrece unha radiografía do patrimonio natural municipal e pon o foco en elementos de especial interese, como a variedade de especies autóctonas da beira do Xubia, as froiteiras tradicionais da horta de conservación Carlos Fornos e algunhas árbores de características singulares localizadas nos antigos xardíns da Marquesa que, segundo Barros, serían merecentes de entrar formar parte do Catálogo de Árbores senlleiras de Galicia. O traballo busca deixar constancia desta riqueza vexetal e facilitar o seu coñecemento e conservación.

O inventario parte do propósito de identificar todas as plantas, tanto autóctonas como cultivadas, presentes nas parcelas municipais e contabilizar os exemplares de cada especie. Para iso, o biólogo Álvaro Barros López dividiu o traballo en doce unidades diferenciadas e recolleu información sobre a superficie, as características de cada lugar e a composición da súa vexetación. Na presentación do estudo explica que tamén procurou empregar os nomes comúns das plantas en galego, dando prioridade ás denominacións populares de San Sadurniño e Ferrolterra. Así, segundo sinala, “cando se coñeceu priorizouse a forma empregada popularmente en San Sadurniño ou na comarca de Ferrolterra”, completando a relación coa nomenclatura científica para facilitar a identificación de cada especie.

Entre os espazos estudados sobresae o Arboreto Galego, unha parcela de 1,85 hectáreas situada entre a Horta de Froiteiras e o río Xubia. O Concello plantou alí hai arredor de vinte anos unha representación dalgúns dos bosques máis característicos de Galicia, como as carballeiras, os bidueirais, os soutos ou os bosques de ribeira. O resultado é un espazo con tres ambientes diferenciados, nos que se contabilizan, entre outras especies, 63 bidueiros, 33 abeleiras, 27 freixos, 25 estripeiros e 23 faias. O estudo destaca que se trata da parcela “coa maior abundancia e variedade de especies forestais autóctonas”.

Outro dos espazos reflectidos no catálogo é a Horta de conservación e demostración das froiteiras autóctonas Carlos Fornos, que ocupa 0,86 hectáreas e funciona como reservorio de variedades tradicionais das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal. O inventario contabilizou 270 árbores froiteiras, entre as que hai 168 maceiras, 36 cerdeiras, 32 pereiras, 18 ameixeiras, 10 pexegueiros e 6 guindeiras. Na súa descrición, o biólogo salienta que moitas destas variedades se atopan en risco de desaparecer e que a horta municipal contribúe a manter castes adaptadas ás condicións ambientais desta parte de Galicia. De feito, considera que se converteu nun “importante reservorio de variedades autóctonas de froita” con 135 variedades diferentes que, ademais, teñen un grande interese didáctico e divulgativo.

Seguindo a senda que conecta as grandes áreas verdes municipais, a investigación tamén analiza os Xardíns do Pazo da Marquesa, cunha superficie aproximada de 1,5 hectáreas. O espazo acondicionouse hai case vinte anos -cando os xardíns pasaron a mans do Concello, antes incluso que o pazo- e conserva exemplares de grande interese polo seu tamaño, idade ou rareza. Barros considera que algúns deles merecen a consideración de árbores senlleiras precisamente por reunir unha ou varias destas características. Na presentación do inventario explica que se trata de elementos que destacan “pola súa idade, polo seu porte, pola súa escaseza no país, ou por varias destas características combinadas”. Entre eles figuran dous magnolios, catro palmeiras das Canarias, un pinsapo e un cipreste de Lawson. Ningún está incluído actualmente no Catálogo de Árbores e Formacións Senlleiras da Xunta de Galicia. O documento incorpora fotografías de 19 exemplares para deixar constancia das súas características.

O resto de enclaves recollidos no estudo abrangue diferentes zonas axardinadas e espazos públicos do núcleo urbano e doutras localizacións municipais. Estúdanse, entre outros, as xardiñeiras da Casa do Concello e da Casa da Cultura, a praza Ramón Díaz Raña, o espazo verde da igrexa de Santa María, as tres xardiñeiras da rúa Casal, os alcorques da avenida Marqués de Figueroa, os elementos vexetais do CPI e os xardíns da capela de Belén e do parque Antonio Freijomil López. O biólogo recolle tanto os elementos arbóreos de maior porte como as plantas ornamentais distribuídas en macetas, xardiñeiras e pequenos espazos verdes, describindo as características de cada lugar e a composición da súa vexetación.

A listaxe xeral permite apreciar tamén o peso que teñen determinadas especies na composición destes espazos. Ademais dos bidueiros, destacan as 169 maceiras, os 39 plátanos de sombra, as 37 cerdeiras, as 33 abeleiras e os 27 freixos contabilizados. Hai tamén exemplares de carballo, sobreira, castiñeiro, ameneiro, salgueiro, acivro ou faia, xunto con numerosas especies ornamentais procedentes de diferentes lugares do mundo. O reconto complétase con 22 metros lineais de sebes e uns 80 metros cadrados ocupados por plantas rastreiras, que tamén se incorporan ao balance xeral aínda que non sexa posible contabilizar individualmente todos os pés.

O traballo realizado por Álvaro Barros López “permítenos dispoñer dunha referencia documental sobre a composición e distribución da flora nos terreos municipais. Ademais de facilitar a identificación das especies existentes e a súa abundancia, o inventario dános conta de elementos botánicos que destacan polo seu valor forestal, pola conservación de variedades tradicionais ou polas súas características singulares”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.

O rexedor conclúe que a información contida no estudo “constitúe unha base para coñecer mellor o patrimonio vexetal público e orientar o seu seguimento, conservación e mantemento”.

Share.