ConcienciArte pecha o programa cultural de agosto coa Romaría da Cortiña

0

A última fin de semana deste mes de agosto vénnos cargada de actividade en San Sadurniño. A protagonista indiscutible vai ser a XVII Feira Rural do sábado 29. Pero hai máis. E é que o domingo 30, o espazo do arboreto e do paseo fluvial seguirán sendo punto de referencia para o lecer coa celebración da segunda edición da Romaría da Cortiña, organizada pola Asociación ConcienciArte Cultura Colectiva. O evento, que aproveita as estruturas da feira, ten o cartel inzado de propostas musicais, pero tamén alternativas para un día con arrecendo a despedida do verán.

A xornada comezará  entre as 12:45h e as 13:30h cos fotógrafos Iago Lourido e Mario Martiño, que mostrarán unha escolma das súas imaxes e comentarán co público como conciben o seu traballo, a medio camiño entre a captación fiel da realidade e a creatividade que a dota de novos significados.

A música comezará ás 13:30h coa actuación de 3BT3, formación de Ferrol que se move entre a rumba, o bugalú -un xénero que mestura ritmos afrocubanos, soul e rhythm and blues- e o jazz. Xa pola tarde, ás 15:30h, será a quenda de David LH & The Po’Boys, banda da Coruña que levará á carpa o seu son delta blues.

Entre concerto e concerto haberá tamén tempo para as propostas dirixidas á cativada. De 16:30h a 17:30h, a Fraga Máxica acollerá Mundo e Vida, un contacontos infantil musical con títeres a cargo de Muller Raíz e Airán Beltrán. A actividade dará paso, ás 17:30h, ao punk rock de Barullo, banda de Bergondo que actuará no escenario da carpa principal, ocupada a véspera pola exposición de froita autóctona.

A recta final do programa comezará ás 18:30h na carpa pequena coa presentación de A Banda das Voces: Vive a experiencia, un proxecto que dará a coñecer Uxía Álvarez. E ás 19:15h chegará o último concerto da xornada, a cargo de Punta Norte, grupo de rock de O Barqueiro que pechará ás 20:30h o programa musical deste derradeiro domingo de agosto.

Alén da música, a Romaría da Cortiña tamén ofrece xogos para a rapazada e unha zona de xantar, coa finalidade de que o público poida pasar o día sen présas á beira do Xubia. Para ampliar información pódese contactar con ConcienciArte no 644 259 016. O evento conta co apoio do Concello de San Sadurniño e de empresas de dentro e fóra do municipio.   O programa completo e os detalles das actividades poden consultarse na páxina web da organización.

Share.