A Área de Desenvolvemento Local acaba de publicar a lista de postos inscritos na 17ª Feira Rural, que se celebrará o sábado 29 na leira da Cortiña. En total recibíronse 65 peticións, na súa maioría para expositores agroalimentarios e de artesanía, aínda que tamén haberá un número importante de puntos de venda de artigos de segunda man, ademais de planta, maquinaria e representación de colectivos sen ánimo de lucro que aproveitan o evento como escaparate das súas actividades. O listado pode consultarse nesta ligazón, onde tamén figuran os horarios de entrada no recinto. No momento de acceder á feira, todos os postos inscritos deberán presentar o resgardo bancario do pagamento da taxa que lles corresponda segundo as opcións solicitadas.
Por actividade, no Concello rexistráronse 26 peticións de postos agroalimentarios, dúas de viveiros de planta e flor, unha de maquinaria, 17 de artesanía, 11 para a venda de artigos de segunda man, catro presentadas por entidades asociativas e outras catro que, sen encaixar exactamente nas anteriores, si gardan relación coa dinamización do medio rural e a sostenibilidade, que é a finalidade da cita.
Este ano marcouse como límite a ocupación de entre un e catro ou entre cinco e dez metros liñais, con opción de solicitar que o Concello proporcione carpa, subministración eléctrica e incluso reserva de espazo para estacionar detrás do posto, se é necesario, como por exemplo quen posúa un furgón refrixerado para a mercadoría.
Neste sentido, agora os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda segundo as opcións solicitadas. Os importes que toquen en cada caso poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha transferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural 2026” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 29 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.
Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado hoxe, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15h.
Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura. Atendendo á lista de inscricións, Feira Rural chega á 17ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man, ademais de contar con venda de pequena maquinaria -cortacéspedes, rozadoiras de man e forestais, etc.-, flor e planta.
Ademais haberá máis cousas nun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), dúas buscas do tesouro para facer en familia, descensos en kaiak polo Xubia, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto local, degustación e venda de produtos da Fusquenlla, charlas da creadora de contido e divulgadora agroecolóxica Nuska Chousa, pasarrúas coa Charanga Alxibeira… e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
Para xantar
A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A Granxa, Mesón O Ferrador (San Sadurniño) e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), aínda que convén reservar con tempo de antelación.
Outra opción é vir de merenda -traendo o xantar ou mercando un pouco de todo na feira- e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o arboreto da Cortiña -o espazo arborado onde se desenvolve a feira-, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).
Máis información
Listado de participantes (.pdf)
Folla de autoliquidación da taxa (.pdf)
Bases do concurso da froita (.Pdf)
Programa completo