Xunta e Concello reúnense mañá para falaren dos ataques dos lobos no Forgoselo

0

O alcalde e mailo técnico de Desenvolvemento local reuniranse este venres en Santiago coa directora xeral de Conservación da natureza, Ana María Díaz López, para abordaren o problema dos ataques dos lobos ao gando, principalmente na zona do Forgoselo. A xuntanza está fixada para as 10 da mañá e nela Secundino García e Ignacio Fernández trasladaranlle á Xunta as inquedanzas veciñais pola “presenza puntual, pero reiterada” de lobos e polas perdas que causan entre a cabana de equino e vacún.

O Concello de San Sadurniño ten o 12% do seu territorio dentro da Rede Natura 2000, mercé á ZEC Xubia-Castro. Boa parte do territorio dese ZEC corresponde á Serra do Forgoselo, situada dacabalo entre A Capela e San Sadurniño, onde toca as parroquias de Igrexafeita e Naraío. Trátase dunha zona singular desde o punto de vista ambiental, paisaxístico e mesmo etnográfico que está escasamente poboada, onde nos últimos tempos a xente tamén sofre as consecuencias de convivir coa fauna salvaxe.

Desde hai varios anos nesta área tense constatado a “presenza puntual, pero reiterada” de lobos que se botan ao gando ceibo, producindo cuantiosas perdas económicas. Segundo o alcalde “a xente que vive nestes lugares da Serra do Forgoselo véñennos manifestando as súas inquedanzas, cando non o seu enfado, por esta situación. Desde o Concello non lles podemos dar moito máis ca asesoramento e consello, dado que a competencia neste eido é da Xunta de Galicia”.

Por este motivo, o Concello solicitou unha reunión coa responsable de Conservación da natureza, Ana María Díaz, de cara a “poñer en común pareceres neste ámbito, co obxectivo de procurar solucións efectivas para que as persoas que residan dentro dos espazos Rede Natura 2000 non teñan que pagar as consecuencias da proliferación da fauna salvaxe”.

 

 

Share.