Xa se poden facer as comunicacións previas para as “saltas” do San Xoán e o San Pedro

0

Vanse achegando as datas da celebración do solsticio de verán coas lumeiradas dos días de San Xoán e de San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, é preciso lembrar que cando se anda con lume hai tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das cacharelas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, é preciso presentar unha comunicación previa no Concello indicando onde se vai facer o lume e quen é a persoa responsable. O impreso pode obterse nas oficinas municipais -con cita previa- ou descargarse desde esta ligazón. Deberá presentarse debidamente cuberto presencialmente ou a través da Sede electrónica. O prazo para a súa presentación é o día anterior á celebración da lumeirada. Ademais, por causa da emerxencia sanitaria, tamén cómpre adoptar precaucións a maiores das esixidas outros anos. 

Con carácter xeral, nas “saltas” do San Xoán e do San Pedro que se queiran organizar non deben producirse aglomeracións. Aínda que o Concello non ten capacidade de control sobre como será finalmente cada cacharela, si recomenda que se empregue o sentido común e apela a a que se cumpra a normativa preventiva en vigor: gardar a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 a 2 m. se os grupos son de persoas que non vivan xuntas e, se non se pode garantir o distanciamento entre non convivintes, usar máscara hixiénica ou cirúrxica.

Tamén se aconsella o que se leva repetindo centos de veces: lavar con frecuencia as mans, non tocar os ollos, o nariz ou a boca e ter moito coidado ao tusir ou esbirrar, facéndoo contra panos desbotables ou contra a parte interior do cóbado. Por suposto, se nos atopamos mal e con síntomas que poidan ser coincidentes cos da COVID-19, aínda que sexan lixeiros, mellor non sumarse á festa e contactar cos servizos médicos para que fagan seguemento do noso caso.

Polo demais, en San Sadurniño as fogueiras do San Xoán e do San Pedro deberán facerse como se fixeron sempre: tendo en conta que o lume é purificador pero tamén moi traizoeiro e que debemos actuar con responsabilidade e a máxima seguridade. Velaí o contido do bando que acaba de publicar a Alcaldía:

  • Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugares con vexetación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos.
  • Non se poden facer luminarias no contorno de locais ou depósitos nos que se almacenen produtos inflamables, nin preto de vivendas ou de calquera infraestrutura ou elemento, público ou privado, que se poida ver afectado negativamente
  • Non está permitido prender o lume se existe un exceso de vento e haberá que apagalo se se levanta cando xa teñamos a salta acesa
  • Cómpre evitar usar materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis etc.) que poden chegar moi lonxe
  • É necesario ter auga preto para conter o lume no caso de que queira escapar. Para evitalo tamén se aconsella facer unha devasa arredor do material que se vaia queimar xa antes de prender
  • Non se permite empregar na lumeirada líquidos inflamables ou materias contaminantes (pneumáticos, aerosois, plásticos, cortiza branca de poliexpán …)
  • Cómpre deixar a fogueira e as súas cinzas completamente apagadas antes de marchar
  • En caso de se producir algún problema é obrigado chamar aos teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
  • Por último, salientamos que as persoas organizadoras -as que figuren na comunicación previa- serán as responsables de que se cumpran as indicacións anteriores.

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

Impreso de comunicación que se deberá entregar no Concello (.pdf)

Share.