Xa hai pitiños na Rolada

0

Por fin rematou a espera. Tras 21 días de incubadora e de constantes coidados por parte das nenas e nenos, este mércores naceron na Escola Infantil Municipal A Rolada un total de 13 pitiños da raza de Mos. A actividade forma parte do programa educativo do centro e desenvolveuse en colaboración coa asociación Avimós, que se encarga da recuperación desta ave de curral autóctona. Un veterinario da entidade estivo esta mañá na escola para confirmar o bo estado de saúde dos poliños e tamén para explicarlle á rapazada por que a Galiña de Mos é tan especial.

A EIM A Rolada leva revolucionada dous días. A eclosión dos ovos dos que tanto miraron nas últimas tres semanas tróuxolles aos nenos e nenas 13 compañeiros novos. Poliños e poliñas pequechas, douradas e de tacto suavísimo que todo o centro, cativería e mestras, quixo coller e acariñar entre unha algarabía de chíos e ollos abraiados.

“É unha experiencia que dura 21 días, e desde o primeiro día que ven o ovo ata que sae o pito os nenos están ansiosos”, explicaba esta mañá Diego Rois, veterinario de Avimós. Esta entidade agrupa criadoras e criadores da raza Galiña de Mos, e tamén é quen leva o libro do rexistro xenealóxico da raza. Entre as actividades de difusión que realizan ao longo do ano está a colaboración con centros de ensino de toda Galicia cunha finalidade dobre: mostrar como son este tipo de galos e galiñas autóctonas e facilitar “unha aprendizaxe diferente” de conceptos como o ciclo da vida. “Nós o que queremos é promocionar a nosa raza, pero tamén achegarlles aos nenos pequenos que é o rural. É sorprendente que, aínda vivindo en concellos rurais, os pequenos perden este contacto cos galos, coas galiñas e co nacemento dos polos”.

Por outra banda, a experiencia tamén serve para que a rapazada se afaga á responsabilidade e ao respecto que se debe ter por todos os animais. “Os nenos danse conta de que os animais hai que atendelos e coidalos”, comenta Rois, quen tamén trouxo ata a escola infantil unha gaiola cunha femia e un macho adultos de Galiña de Mos.

A raza conta nestes momentos con arredor de 6.000 galiñas reprodutoras. Un número que dista moito das 25.000 necesarias para considerar que está fóra do perigo de extinción. Con todo, tal e como asegura o veterinario, a de Mos é agora mesmo “a raza de galiña autóctona con máis censo do Estado” e o número vai en aumento por tratarse dun tipo de animal que combina “boas aptitudes cárnicas e como poñedora de ovos”, ademais de adaptarse ben á crianza en semiliberdade -nos galiñeiros de toda a vida- e de dar un fantástico resultado se se mima a súa alimentación.

Os pitos e pitas que naceron entre martes e mércores non quedarán na escola infantil e, de feito, xa teñen nova casa. Varias familias levaron cadanseu par de poliñas -unha delas levou tres-, de maneira que a experiencia escolar tamén axudará a estender aínda máis a raza. En calquera caso, se vendo as fotos alguén ten ganas de facerse con pitos ou galiñas de Mos, pode contactar coa asociación ou obter máis información a través da súa web.

Share.