Vázquez Garzón asume o mantemento dos espazos verdes ata que se convoque un novo contrato do servizo

0

A empresa Vázquez Garzón-Limpiezas La Unión iniciou hai uns días os traballos de mantemento dos espazos verdes municipais, comezando polo paseo fluvial e o contorno do arboredo de especies autóctonas. A firma radicada en Miño asume este labor trala renuncia da empresa que tiña contratado o servizo. O Concello iniciará en breve un novo procedemento de contratación que asegure o bo estado de xardíns, áreas recreativas, miradoiros e rutas de sendeirismo.

Vázquez Garzón xa se encargara das zonas verdes municipais ata outubro do ano pasado, momento en que rematou o seu contrato e o Concello abriu un novo proceso no que resultou adxudicataria unha empresa unipersoal cunha oferta máis vantaxosa en canto a prezo e coa engádega de tratarse dun mozo emprendedor do municipio.

Porén, en maio deste ano o departamento de Servizos detectou que o desenvolvemento dos traballos contratados presentaba algunhas deficiencias en canto á execución e que, ademais, non se estaban axustando aos compromisos adquiridos no intre da sinatura. O Concello contactou entón co adxudicatario para subsanar as incidencias e, xa daquela, o titular do contrato expresou a súa vontade de renunciar ao servizo por razóns persoais. Unha vontade que máis adiante lle trasladaría de forma oficial ao Concello quen, finalmente, resolveu o contrato.

A cousa é que San Sadurniño quedou en pleno verán sen un servizo para o que non dispón de persoal propio e que debe manter en bo estado a decena de áreas recreativas repartidas por todo o territorio, as dúas grandes rutas de sendeirismo municipais -a do Castro e a do Aceiteiro-, así como os xardíns municipais, o paseo fluvial e o arboredo de especies autóctonas.

Neste último lugar, no arboredo, foi onde Vázquez Garzón iniciou hai uns días os traballos de limpeza por encarga do Concello mentres non se convoca un novo proceso de contratación. Xunto coa beira do Xubia trátase dunha das zonas máis concorridas do municipio por paseantes e deportistas e por iso o departamento de Servizos planificou o acondicionamento da zona en primeiro lugar. Estes traballos continuarán despois polas rutas ambientais do municipio e polas áreas recreativas ás que, porén, si se lles deu un repaso ao comezo do verán.

Share.